O IES de Brión chegou ao Parlamento Galego como eixe central do debate
Pais e nais terán unha asamblea esta tarde para falar dos asuntos tratados na reunión co xefe da inspección da Coruña
O conflito do IES de Brión chega ata o Parlamento galego coas preguntas do BNG sobre o respeto e a visita dunha representación de pais e nais que se achegaron para falar con membros do grupo parlamentario de En Marea.
A viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, reclamou á Consellería de Educación en sesión plenaria que se cubran as prazas de docentes que demanda a comunidade educativa do IES de Brion, “que iniciou o curso denunciando a negativa da Xunta a dotalo do profesorado suficiente para atender as necesidades do alumnado, para garantir a ratio de estudantes por aula e para manter proxectos pedagóxicos e unha oferta educativa de calidade”.
“As familias de Brión levan semanas mobilizándose en defensa dun ensino público e de calidade”, recalcou Rodil, sinalando que o IES de Brión “é un exemplo dun problema máis amplo que atinxe o ensino público consecuencia directa dos recortes do PP”. “Non se da vostede conta, señor conselleiro de Educación, que eses recortes afectan directamente á formación dos e das escolares e polo tanto ao seu futuro?”, interpelou a viceportavoz do BNG.
No caso concreto do IES de Brión, onde dimitiu a dirección e as familias levan case dúas semanas pechadas no centro, pídense tres docentes para garantir a calidade educativa que viñan prestando. “Vostedes sabían das súas necesidades desde o verán e aínda así negáronllos”, criticou a deputada nacionalista.
Por contra, a resposta da Consellería foi na dirección contraria ao que demanda a comunidade educativa: “Que deixen alumnado que o necesita sen o Programa de Mellora da Aprendizaxe e do Rendemento; que supriman optativas e que metan máis de 30 estudantes de 4º da ESO en cada aula. É dicir, máis recortes”, denunciou Rodil.
O BNG lamentou que a resposta do até hoxe conselleiro de Educación, Román Rodríguez fora parapetarse detrás de supostas decisións técnicas “como se a consellería a dirixira o corpo de inspección”, ao tempo que denunciaba que a Xunta non está creando prazas novas senón que se limita a “substituír persoal interino por fixo, pero hai as mesmas que había”.
Tamén recriminou ao aínda titular de Educación “por agocharse detrás da profesionalidade do profesorado, que ninguén cuestiona, non o use como parapeto porque estamos falando de decisións políticas da súa consellería”. “A súa negativa vai deixar sen atención á diversidade ou cre que é posíbel nunha aula de Infantil con 26 ou de 4º da ESO con 31 atender como se debe o alumnado?”, concluíu Rodil.
EN MAREA APOIA A LOITA DOS PAIS E NAIS
A deputada de En Marea, Luca Chao, agradeceu ás familias do IES de Brión, representadas na Cámara galega, a súa loita na defensa dos dereitos educativos das súas fillas e fillos. “Sodes un orgullo e un exemplo de loita e dignidade” afirmou. Fronte a esta admirable actitude, a do Goberno galego que insiste en manter a política de recortes de persoal educativo iniciada polo goberno Feijóo no ano 2010 e que lonxe de mitigarse mantense. “O PP fala de recuperación, mesmo Feijóo.
Do mellor inicio de curso en moito tempo. Unha burla ante a realidade de precarización, privatización e pauperización do ensino público. Velaí os tres piares fundamentais da política educativa do partido popular.” salientou Luca Chao. E mentres o ensino público continúa a ser atacado por parte da Xunta, aumenta o financiamento público dos centros privados concertados.
“Menos aulas, menos centros, menos optativas, menos calidade. Menos profesorado. En definitiva, menos recursos educativos malia que medre o alumnado. Tal e como acontece no IES de Brión. Mais tamén en Ordes, Santiso, Roxos, Allariz, Santa Comba, e un longo etcétera de centros escolares que desta vez estanlle dicindo ao goberno, basta xa, basta xa de recortar os nosos dereitos” declarou a deputada de En Marea. Que ve en todos os problemas rexistrados no recente inicio do curso o detonante definitivo para apartar ao conselleiro de Educación das súas responsabilidades.
Luca Chao quixo centrar a o groso da súa intervención no caso de Brión, “un exemplo para o bo, a mobilización decidida da cidadanía a prol dos seus dereitos, e para o malo, o caso de Brión non é o caso, é un caso, un de tantos”. Neste caso a realidade fala de carencias evidentes en persoal docente que xa foi alertado no verán sen que dende a consellería propuxeran solución algunha.
Así, desde o instituto solicitan tres vacantes para poder cubrir a matrícula das materias optativas que se viñan impartindo nos últimos anos con gran éxito dado que recibiron moitos premios dos que a propia Consellaría se ten gabado na súa política comunicativa como por exemplo de robótica. “Premio señor conselleiro, que vostede lle entregou e agora, a inspectora educativa trata como de luxo asiático, que seica que para un instituto do rural, está de máis. Unha indecencia política que debería facela cesar xa do posto que ocupa” asegurou Luca Chao.
“Fachendea vostede de que Galicia é unha das comunidades que mellor atende á diversidade. Desgraciadamente temos que informar de que neste centro, sen a dotación de profesorado que reclamamos, un grupo de PMAR (Programa de Mellora da Aprendizaxe e do Rendemento, xa sabe) vai desaparecer” denunciou.
A deputada de En Marea criticou que o Conselleiro e o seu departametno leven semanas ignorando as demandas urxentes deste ANPA e o que é peor “faltan á verdade” dicindo que todo sigue igual xa que a realidade é que aumentou a matrícula en 31 alumnos e alumnas por profesor e profesora. “A lóxica é clara. Ratios máis elevadas. Menos calidade” afirmou Luca Chao. Tampouco os grupos son os mesmos xa que se perdeu un cuarto da ESO e gañouse un en primeiro. “O total é o mesmo, si, pero as horas e necesidades docentes non teñen nada a ver.” aclarou.
“Corrixan a súa actitude, escoiten, abandonen a lóxica da carteira e pensen nos dereitos, como din as familias, van seguir en folga, teñen 383 razóns para facelo. Vostede, tamén. Ten as 383 de Brión e as miles de rapazas e rapaces cuxa educación depende das decisións que se toman no seu despacho” recomendou a deputada de En Marea ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez.
ASAMBLEA DE PAIS E NAIS
Durante a tarde de hoxe os pais e nais do IES de Brión terán unha nova asamblea para falar sobre as cuestións tratadas co xefe de inspección da Coruña. Nela se darán conta dos temas e as posibles conclusións e accións a tomar en consideración.