miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

BNG e PSdeG apoian as reclamacións dos pais e nais do IES de Brión

BNG e PSdeG apoian as reclamacións dos pais e nais do IES de Brión
BNG e PSdeG apoian as reclamacións dos pais e nais do IES de Brión

Un déficit de persoal que é común a un amplo número de centros educativos da comarca de Compostela neste arranque do curso

A viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, e o deputado pola Coruña, Xosé Luís Rivas, manteñen esta tarde un encontro coa ANPA do IES de Brión que leva máis dunha semana de peche no centro educativo, pais e nais aos que comunicarán que no vindeiro pleno do Parlamento levarán unha iniciativa para reclamar da Xunta a cobertura inmediata dos tres docentes que reclama a comunidade educativa deste instituto.

Un déficit de persoal que é común a un amplo número de centros educativos da comarca de Compostela, neste arranque do curso que tamén afecta aos CEIPs Barrié de La Maza en Santacomba, Arcediago no Concello de Santiso, no CEIP de Roxos en Compostela ou no CEIP Castelao de Ordes, por falta de docentes, elevadas ratios de alumnado por aula ou peches de unidades.

“En todos estes centros a denuncia é a mesma: A masificación das aulas, unha situación que é consecuencia directa dos recortes do Partido Popular na educación pública”, salientou a viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, no caso concreto do IES de Brión, son tres docentes, no de Santiso un docente máis o que reclaman desde os centros educativos.

“É inadmisible que a Xunta en vez de dotalos do profesorado necesario propoña que se siga recortando en proxectos educativos que mesmo foron premiados polo seu altísimo valor pedagóxico”, alegou.

O BNG pedirá explicacións e solucións á Consellaría de Educación para garantir un ensino de calidade, “porque non pode seguir mirando cara outro lado ante as demandas de pais e nais e do conxunto da comunidade educativa”, indicou Rodil, quen tildou de “indecente” que a Xunta non dote dos recursos suficientes a centros de ensino que están a aumentar a matrícula.

“Non pode facer oídos xordos como se non estivese a acontecer nada e as decisións políticas do PP na Xunta están a mermar a calidade educativa”, insistiu, tras recordar que a ANPA do IES de Brión mantén un peche en defensa das súas reivindicacións que o BNG secunda.

GONZALO CABALLERO E LEICEAGA VISITAN O CENTRO

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, apuntou onte que o Instituto de Brión constitúe “a punta do iceberg da falla de aposta pola educación pública por parte de Feijóo”. O líder dos socialistas galegos visitou onte o centro no que os pais e alumnos se teñen pechado en protesta pola negativa da Xunta a reforzar a plantilla de profesores acorde co incremento de alumnos.

Caballero acusou ao PP de estar “desfigurando a educación pública galega” a través do recorte de persoal, cando non directamente o peche de centros e aulas, “esquecendo” as necesidades dunha educación pública de calidade. Sinalou que precisamente o centro de Brión atópase “paralizado pola incapacidade da Xunta de atopar unha solución, reducindo o profesorado e a capacidade dunha oferta educativa de calidade”.

Saudou o esforzo dos pais e nais e dos alumnos de Brión, que están demostrando un “traballo intenso sen facer ruído pero con argumentos sólidos e cargados de razón”, conscientes de que “cando defenden ao centro de Brión defenden á educación pública de tódolos galegos e galegas”.

Comentarios
Lo más