miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Chamamento dunha ex alumna do IES de Brión en defensa do proxecto educativo do centro

Chamamento dunha ex alumna do IES de Brión en defensa do proxecto educativo do centro
Chamamento dunha ex alumna do IES de Brión en defensa do proxecto educativo do centro

A alumna foi galardoada coa excelencia académica en Bacharelato no centro educativo

Unha ex alumna do IES de Brión, gañadora ao mellor expediente de Bacharelato no seu ano, quere mostrar o seu máximo apoio a tódolos profesores, pais e nais polas reclamacións de novo profesorado en Brión.

O meu nome é Ana Souto Villanustre, son veciña do concello de Brión e estudei no IES de Brión. Rematei Bacharelato hai xa cinco anos, pero a pesar do moito que choveu desde aquela, a pegada do instituto continúa viva. Non é doado esquecer a docentes que tiveron un gran impacto no seu día e que, sen dúbida algunha, influenciaron os pasos posteriores que me conduciron, en parte, ata onde estou agora.

Nanina, a profesora de música, é desas persoas ás que lles gusta abrir mil e unha xanelas, por iso nos convidaba a asomarnos á varanda para poder contemplar diferentes recunchos do mundo a través das súas músicas. Unha muller ambiciosa que non só se limitaba a facernos escoitar novos artistas e grupos, senón que facía da música un verdadeiro vehículo para falarnos de política, historia, dereitos, xeografía... Diso se trata a música, non? De viaxar sen necesidade de comprar billete ningún.

As súas clases eran desas que permanecen conxeladas no tempo, desas que por moitos anos que pasen, se bates á porta, sempre haberá unha cadeira libre para volver sentir falar do 27 de novembro, do 8 de marzo ou da Operación Chumbo na Faixa de Gaza. Nunca se me esquecerá o día en que Nanina debuxou o contorno do mapa de Palestina no encerado branco. Naquela aula deu voz a un pobo que sigue resistindo para non desaparecer. Hoxe en día, a causa palestina é unha das reivindicacións que levo máis interiorizadas. Si, todo comezou nunha clase de música, nun instituto, no IES de Brión. Ata acabar nas rúas estreitas de Nablús, Hebrón e Xerusalén cinco anos máis tarde, percorrendo aquel mapa que Nanina debuxara.

Mercedes, a profesora de literatura universal, é desas persoas soñadoras capaces de transmitir paixón dunha forma verdadeiramente auténtica e pura. Coñeciámonos do clube de lectura e tamén me acompañara a recoller un premio dun certame literario en Vigo, pero só a tiven como profesora no meu último ano de instituto. Aprendín tantísimas cousas con ela! Nas súas clases sentía que estaba nun tren como o dos poemas de Machado, atravesando diferentes paisaxes, con banda sonora propia para cada lugar novo. 

Saía de alí desexando ver esa película que nos recomendara, adaptación dunha obra vista ese día en clase, ou devecendo por buscar información sobre un tal compositor que se inspirara nalgún autor. As súas clases eran constelacións e ela, conforme explicaba, ía unindo as estrelas no ceo ata crear unha nova unidade de poemas, novelas, teatro, cine, música... 

Transmitíanos a verdadeira esencia da literatura: liberdade atemporal. E se daquela xa me apaixonaba o cine, agora son unha verdadeira amante das tardes de chuvia sentada nunha butaca (a poder ser vermella, coma as dos cines Valle Inclán). A chama dun amor prendida nun pequeno instituto, no IES de Brión. Ata acabar sendo voluntaria no festival de cine italiano Dolce Cinema ou subtitulando un documental para o festival de cine LGBT Vues d’En Face en Grenoble.

Podería dedicar un parágrafo a cada un dos profesores que tiven, porque como xa dixen, todos eses docentes, dunha forma ou outra, puxeron as primeiras pedras no camiño que continúo a construír. As clases de filosofía de Soliño eran unha verdadeira delicia. De feito ata cheguei a valorar a posibilidade de estudar Filosofía na universidade.

Esa materia facíame sentir as ás nas costas máis que nunca e nos exames, o meu bolígrafo transformábase en pluma, voando polo mar de tinta sobre papel, conectando a uns pensadores con outros e indo alén. Santiago tamén acostumaba recomendarnos películas ou libros a través dos cales profundar máis na súa materia, por nós mesmos. Novecento, unha obra mestra, marcou moito os meus últimos anos de adolescencia.

Tamén teño moi bos recordos de Manuel, profesor de historia da arte e de historia de España. Canto aprendín nas súas clases! Ai, esa espiña que teño aínda cravada... Pero supoño que nunca é tarde para algún día graduarme en Historia da Arte. Aínda agora, cando entro nalgún museo, sinto de fondo as súas explicacións. Vendo a Kandinsky no Pompidou, ante Van Gogh no Orsay... En moitos recunchos de París, o meu fogar actual, hai algo do IES de Brión, das clases de arte a última hora da mañá.

Pero non todo é cor de rosa... Desde hai unhas semanas mantéñome actualizada sobre a situación do IES de Brión, un centro onde hai máis alumnos que o ano pasado e, curiosamente, non hai un número suficiente de profesores para garantir un ensino decente. 

Cabréame pensar que os brioneses e brionesas do futuro se callar non van coñecer a realidade que coñecín eu hai un par de anos e non van poder aproveitar dun ensino de calidade. Gustaríame que co paso do tempo, sendo xa adultos, garden boas memorias dos seus profesores e das clases, en lugar de ter por recordo aulas masificadas ou asignaturas optativas non ofertadas.

Agora que eu tamén son docente, reparo aínda moito máis na importancia da atención personalizada, de poder conceder tempo suficiente a cada alumno dentro do limitados que de por si están sempre tódolos profesores. E poder, sobre todo, crear persoas, crear paxaros capaces de voar lonxe de Brión e tornaren cando o precisaren. 

Crear persoas sen medo de abrir xanelas nin portas; persoas que transmitan paixón polo seu traballo; persoas que nunca perdan o espírito de aprendizaxe... Persoas con iniciativa construíndo o seu camiño de vida e que con orgullo boten a vista atrás e garden un bo recordo do seu centro, do instituto onde apañaron as primeiras pedras do sendeiro. Que non teñan vergoña de dicir que estudaron no IES de Brión, un lugar de excelencia educativa, con bos decentes e alumnado que é presente e xa é futuro.

Comentarios
Lo más