Manifestación do IES de Brión este venres para reclamar os 10 profesores que precisan dende o centro educativo
Román Rodríguez está facendo oídos xordos ao clamor da comunidade educativa despois de 11 días de peche
O conflito aberto no IES de Brión, que demandaba tres prazas máis de persoal interino para poder ofertar un Programa de Mellora da Aprendizaxe e o Rendemento (PMAR) e as mesmas optativas que se viñan impartindo os últimos anos, segue aberto.
O conselleiro, nunha reunión informal cos representantes de pais e nais mantén a súa postura de defender o criterio da inspección educativa e só se comprometeu a xestionar outra reunión co inspector xefe territorial.
Román Rodríguez está facendo oídos xordos ao clamor da comunidade educativa despois de 11 días de peche e de que o profesorado se concentrara onte ás 12:00 horas do mediodía diante do centro para reclamar as vacantes existentes.
Estas accións, convocadas pola CIG-Ensino manteranse todos os días desta semana ás 12:00 horas e o venres está convocada unha manifestación pola ANPA ás 11:30 desde a Estación de Autobuses até a Consellaría de Educación.
Desde o sindicato alertan de que este centro é só un exemplo máis da política de recortes do goberno Feijóo e de que as demandas do claustro están perfectamente xustificadas, dado que teñen o mesmo número de docentes totais, 36, que hai 10 anos cando a cifra de alumnado se incrementou en 180 neste período.