miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Comezan as obras de humanización da contorna do centro de saúde de Abellá

Comezan as obras de humanización da contorna do centro de saúde de Abellá
Comezan as obras de humanización da contorna do centro de saúde de Abellá

As obras suporán un investimento de case 85.000 €, financiados nun 70% pola Xunta de Galicia e nun 30% polo Concello de Frades ao abeiro do Plan Hurbe

As obras de humanización da contorna do centro de saúde de Abellá, adxudicadas a Bcnor Gestión y Soluciones Avanzadas SL por 84.435,87 euros, veñen de iniciarse esta semana. Uns traballos froito dun convenio asinado o ano pasado polo alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, e a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, ao abeiro do Plan Hurbe, polo que a Xunta de Galicia asumirá o 70% do investimento e o Concello de Frades o 30% restante.

Roberto Rey explica que as obras buscan “acadar unha contorna máis agradable para os veciños e veciñas, polo que se reformulan os peches e muros actuais da contorna do centro de saúde de Abellá, se soterrarán as liñas aéreas e se substituirán as luminarias actuais por outras con tecnoloxía LED”. Unhas obras que se iniciaron no mes previsto e que se agarda que rematen nun prazo máximo de 2 meses.

Así, os traballos comezaron esta semana por levantar todas as tullas que limitan a parcela ao carón do centro de saúde, así coma os tocóns das antigas tullas que se atopaban nos laterais da praza. Despois procederase a substituír o muro de formigón que serve de peche á parcela, dado que o seu espesor é moi reducido e presenta deterioro e fisuras nalgunhas zonas, posiblemente debido a unha falta de cimentación.

As obras permitirán unificar a pavimentación interior da praza, actualmente con varias zonas diferenciadas. No seu lugar, apostarase por un pavimento continuo de formigón coloreado. Así mesmo, o peche será substituído por un novo. Finalmente, substituirase o alumeado público, actualmente en mal estado de conservación e que non aporta calidade lumínica, por outras novas de tecnoloxía LED, aproveitando tamén para soterrar as liñas aéreas que cruzan a praza.

Comentarios
Lo más