O BNG pide á CRTVG un debate "plural" en horario de máxima audiencia
06:30 19/02/20
06:30 19/02/20
"Esperamos que Feijóo non se acovarde ante un debate co BNG e coa candidata Ana Pontón, que non teña medo a contrastar proposta, modelos de país e iniciativas de futuro ante os galegos", manifestou o secretario de Comunicación da Executiva Nacional, Xavier Campos.
O BNG solicitará á dirección da CRTVG que organice un debate "plural" e "de dobre volta" entra as forzas políticas máis representativas de Galicia, en horario "de máxima audiencia", con motivo das eleccións autonómicas que se celebrarán o próximo 5 de abril.
Os nacionalistas explicaron, nun comunicado de prensa, a súa postura acerca de que se celebren uns debates que sempre dependeron da vontade política das formacións que acudiron ás eleccións.O Bloque sostén que "non son unha prerrogativa dos partidos, senón un dereito da cidadanía que deben respectar as forzas que concorren ás urnas, facilitando ao electorado o contraste de propostas, ideas e valoracións nos medios de comunicación, moi especialmente nos medios públicos".
A formación que lidera Ana Pontón solicitará que se faga un debate a dobre volta entre as forzas máis representativas no ámbito de Galicia, nun horario de máxima audiencia, "para permitir que os galegos teñan a oportunidade de presenciar en directo as diferentes alternativas que se presentan ás eleccións do 5 de abril".
"QUE NON SE ACOVARDE"
"Esperamos que Feijóo non se acovarde ante un debate co BNG e coa candidata Ana Pontón, que non teña medo a contrastar proposta, modelos de país e iniciativas de futuro ante os galegos", manifestou o secretario de Comunicación da Executiva Nacional, Xavier Campos.
E insistido en que confían en que "estea disposto a saír da súa zona de 'confort' do telexornal a maior gloria da súa figura, que estea disposto a saír do marco de publicidade e da propaganda para participar nun debate plural no que haxa un contraste real de alternativas".
O Bloque subliña, así mesmo, o "interese que levanta este tipo de debates entre a cidadanía", o cal vén demostrado polas "audiencias elevadísimas" que se dan, comparables ás que suscitan os grandes eventos informativos.
En 2016, a CRTVG acolleu un debate cos candidatos do PPdeG, PSdeG, BNG, En Marea e Ciudadanos.