En Marea e Anova explorarán a posibilidade dunha coalición electoral
Anova e En Marea están condenadas a entenderse se non queren ser irrelevantes no panorama político galego. Tras a decisión de Podemos de encarbezar con Antón Gómez-Reino as listas do espazo rupturista e de intentar impoñer o poder que ostenta en Madrid e no Goberno central para elaborar a candidatura, Anova quedou completamente descolocada. O mesmo lle pasou a En Marea de Luís Villares, tras o rotundo non do BNG a unha coalición electoral.
Estes dous espazos, que beben da mesma fonte nacionalista, exploran, agora, a posibilidade dunha alianza estratéxica de cara ás autonómicas galegas para non quedar fóra de xogo. Dirixentes consultados por GC din que a única posibilidade de acadar representación na Cámara galega é ir xuntos xa que a división xoga na súa contra.
Precisamente, as dúas formacións celebran esta fin de semana reunións das súas cúpulas cando resta menos dunha semana para o vencemento do prazo para o rexistro de coalicións ás eleccións autonómicas do próximo 5 de abril. Anova reúne este sábado á súa dirección para analizar o escenario creado tras a decisión de Gómez Reino de presentarse como candidato de Galicia en Común, o que deixa fóra de xogo aos ex rexedores Martiño Noriega e Xulio Fernández.
IMPLICACIÓN DE IGLESIAS E YOLANDA DÍAZ
O novo movemento de Podemos Galicia está deseñado desde Madrid e pode implicar o sacrificio de Gómez-Reino como deputado no Congreso para que encabece as listas de Unidas-Podemos en Galicia co obxectivo de consolidar a marca que xa goberna en Madrid. De feito, Pablo Iglesias, aterrará en Galicia para participar no lanzamento desta candidatura o 29 de febreiro, días despois de que culmine o proceso de primarias do partido morado.
Este acordo, incluiría a repartición dos primeiros postos da lista entre militantes de Podemos e UE. Quedarían reservados algúns postos para Anova, pero non serían, os de saída na Coruña e Pontevedra que serían para Antón Gómez Reino e Eva Solla, actual vicepresidenta da Cámara, de EU. As dúas forzas impoñen así o seu peso na alianza electoral das xerais "da que Anova se autoexcluíu", din. Con todo, a dirección galega de EU recela deste pacto feito desde arriba.
O ESPÍRITO DE BEIRAS
Ante este panorama, Anova quedaría completamente descolgado do espazo que axudou a crear e a impulsar, xa que, precisamente, foi Xosé Manuel Beiras, o gran baluarte electoral de Alternativa Galega de Esquerdas (AGE). Unha coalición que axudou a visibilizar a unha forza sen implantación forte en Galicia, como Esquerda Unida, e que foi o ensaio de Podemos no Estado. De feito, Pablo Iglesias traballou de asesor durante esa campaña electoral.
Por iso, e ante as novas esixencias impostas desde Madrid, a dirección de Anova podería intentar impulsar unha nova coalición electoral coas grandes mareas municipalistas, especialmente, Compostela Aberta e Marea Atlántica, sen descartar outras mareas menores e a presenza de En Marea.
Fontes consuladas apuntan que xa traballan nunha coalición alternativa sen deixar a porta pechada a Podemos, aínda que esta posibilidade está moi afastada. De feito, nesa gran coalición o elemento nacionalista sería o máis importante, pero non se desbota abrir as portas a formacións que marcharon desencantadas de Podemos, entre elas, o movemento anticapitalista ou mesmo aos ecoloxistas de Equo.
EN MAREA
Tamén este sábado terá lugar a reunión do Consello das Mareas, máximo órgano de dirección de En Marea, que nos últimos días fixo un chamamento a Anova e as candidaturas municipalistas de Santiago e A Coruña para explorar unha alianza.
De feito, esta é a principal hipótese coa que se traballa en En Marea, que aínda que manteñen canles de diálogo co BNG, consideran que a formación de Ana Pontón está actuando como Podemos, impoñendo posicións de forza e "pensando menos no país e máis en intereses electoralistas". "Esta forma de actuar da UPG está botando a perder unha gran alianza electoral nacionalista que mesmo podería situarse como terceira ou segunda forza na Cámara galega", indican fontes consultadas.
En Marea tamén ten fíos abertos con outras forzas, como Compromiso con Galicia, ou mesmo o Partido Galeguista, ademais de numerosas mareas locais afíns. A intención dos de Villares é "tentar sumar" nun panorama, din, "no que a división resta e sería unha gran baza para unha repetición electoral de Feijóo".