O Partido Popular publica un díptico coas súas propostas nas ordenanzas fiscais
Nesta publicación desgránanse os paso a dar polo PP de Santiago para inxectar nas economías dos veciños o que aportaron ao Concello estes últimos ano
O Partido Popular de Santiago vén de publicar e distribuír un díptico no que se enumeran algunha das ordenanzas fiscais que porá en marcha unha vez acadada a alcaldía o vindeiro 26 de maio. Estas medidas suporán un importante beneficio económico para os petos dos santiagueses, posto que significará “unha baixada de impostos xeral e progresiva, co fin de devolver aos habitantes da Capital de Galicia o que outros lle arrebataron”.
Nesta publicación desgránanse os paso a dar polo PP de Santiago para inxectar nas economías dos veciños o que aportaron ao Concello estes últimos anos. Con esta aposta, os residentes en Santiago contarán con 10 millóns de euros no mandato 2019/2023.
Cabe destacar que o documento recolle sintetizadamente as propostas que xurdiron despois dun amplo estudo “non son o resultado de promesas irrealizables”. Outra das medidas será a baixada da contribución con carácter xeral, pasando do 0,51 actual a un 0,49, polo que a capital de Galicia será a cidade co IBI máis baixo de toda a Comunidade autónoma.
O conxunto de propostas tamén beneficia ao sector da construción, cunha baixada dos seus impostos e bonificacións en determinadas obras e actuacións de rehabilitación, de mellora de accesibilidade; de mellora enerxética e as que se efectúen no Casco Histórico, entre outras.
No caso das familias numerosas, o PP tamén fará un esforzo para converter Santiago nunha cidade amable para elas e poder liberalas en gran medida das cargas impositivas ás que se ven sometidas, polo que se lles farán determinadas bonificacións, ademais de baixarlle o imposto de vehículos.
Neste díptico tamén aparecen outras reformas fiscais como o incremento das bonificacións ás vivendas de protección oficial e autonómica; ás construcións; ao comercio minoristas, con especial atención ao Casco Histórico; eliminarase a taxa de apertura e procederase a baixada do imposto de vehículos, facendo unha especial incidencia nas cilindradas máis baixas.