miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Ames Novo súmase ás críticas da xestión municipal dos comedores escolares

Ames Novo súmase ás críticas da xestión municipal dos comedores escolares
Ames Novo súmase ás críticas da xestión municipal dos comedores escolares

A formación cidadá advirte de que a situación pon en perigo as súas relacións co goberno tripartito.

Ames Novo uniuse ás familias e Anpas de Ames na súa denuncia da xestión que o Concello está a realizar da Rede Municipal de Comedores Escolares. En palabras do voceiro da formación cidadá, Quique Costas, "a falta de vontade e sensibilidade en todo o relacionado coa xestión dos comedores xa chegou ao limite do admisible", facendo perigar as relacións bilaterais que manteñen co goberno tripartito.

A crítica realizada refírese ao feito de que o Concello pretenda realizar conxuntamente o cobro dos servizos de Comedores Escolares, Bos Días Cole e os veráns lúdicos, do que non pasan recibo desde o mes de xullo. Segundo afirmaron desde a iniciativa cidadá, a débeda involuntaria adquirida polas familias supón arredor de 700 euros só no caso dos comedores, sen contar outros servizos como os programas lúdicos de conciliación. Por todo iso, esixiron ao Goberno municipal que se dean facilidades para fraccionar en seis prazos o pagamento dunha débeda "só atribuíble a un mal funcionamento da administración municipal".

Ademais, Costas criticou a "falta de sensibilidade" manifestada polo concelleiro de Educación, David Santomil, que solicitou ás Anpas que transmitisen ás familias afectadas que debían ter previsto este gasto. Costas cualificou de "acto de covardía política" que o concelleiro se "escudase" nas Anpas para transmitir a súa resposta e acusou o goberno municipal de "erixirse en administrador das economías familiares". 

Tamén fixo referencia ao incumprimento do acordo tomado no Pleno do pasado mes de setembro, segundo o cal o Concello debía tomar medidas provisionais urxentes para a absorción de 93 crianzas que ficaron fóra do servizo de comedores pola "falta de previsión municipal". Porén, segundo Costas, o único que fixo o concelleiro de Educación foi "aducir escusas" que só manifestan a falta de vontade do Goberno municipal de atender as necesidades das persoas "que demandan un servizo básico".

Comentarios
Lo más