15 mulleres maiores de 65 anos de Brión participa nun obradoiro de autodefensa feminista
O centro social polivalente de Brión acolleu na tarde de onte un obradoiro de autodefensa feminista no que participaron quince mulleres de Brión maiores de 65 anos. Unha iniciativa incluída na programación especial do Concello de Brión co gallo da conmemoración do 8 de Marzo, Día Internacional da Muller.
O obradoiro foi impartido por Cristy Tojo, campioa de Europa de Parakarate, quen en novembro impartira este mesmo taller dirixido a mulleres de menor idade. Ademais de traballar técnicas de defensa físicas, neste obradoiro de autodefensa feminista tamén se traballaron técnicas de defensa psicolóxica e emocional para as mulleres.
Ata o polivalente se desprazaron a concelleira de Cultura, Sandy Cebral, e a concelleira de Igualdade e Muller, Rosa Romero, quen explicou que “despois do éxito acadado en novembro co obradoiro de defensa feminista, varias das mulleres que participan nos obradoiros de memoria nos fixeron chegar o seu interese na actividade, polo que decidimos organizar este segundo taller que se desenvolveu nun ambiente de diversión e respecto”.
A programación especial do Concello de Brión co gallo do Día Internacional da Muller remata esta tarde cunha dobre cita: o contacontos “A carteira de Augasclaras”, de Carmen Domech, e a proxección de “A poeta analfabeta”, que contará coa presenza de Luz Fandiño, poeta, activista, feminista, nacionalista e revolucionaria que, aos seus 88 anos, é testemuña viva das realidades máis duras do século XX.