Instan ao Goberno local a interesarse polas persoas que fan cola, todos os días, ás portas de Naturgy
O portavoz de grupo municipal Popular, Alejandro Sánchez-Brunete, instará ao Goberno local a dirixirse a unha empresa enerxética á fin de que humanice a atención aos consumidores, que desde hai semanas fan colas diarias nunha céntrica rúa compostelá a fin de recibir información ou realizar xestións relacionadas cos seus recibos da luz ou do gas. As ringleiras prodúcense xa a primeira hora da maña, antes de apertura da oficina, e a xente, moita dela maior, agarda na rúa de pé e incluso baixo a choiva.
“Esas colas reflicten o salvaxe incremento do prezo da enerxía e a opacidade das facturas ao tempo que reflicten a desconsideración e deshumanización dalgunhas empresas enerxéticas, que non adaptan a atención ao público á demanda real de cidadáns necesitados de explicacións ou xestións”.
O voceiro Popular sinala que aínda que se trata de relacións privadas entre os particulares e unha empresa, o Concello non pode pechar os ollos ante unhas colas que se producen no dominio público. “O Concello pode esixirlle á empresa que non aproveite as beirarrúas para ter agardando ás persoas e que dimensione os seus locais ou que articule fórmulas eficaces de cita previa, a fin de evitar a crueldade de telas agardando baixo a choiva”.
Cumprimento dunha iniciativa
Ao mesmo tempo, o voceiro Popular lémbralle ao grupo de Goberno que, hai pouco máis dun mes, se aprobou no Pleno do Concello unha iniciativa do seu grupo a fin de mellorar, neste contexto de escalada dos prezos enerxéticos, a atención aos consumidores, ofrecéndolles información sobre os recibos, sobre as posibilidades de reclamacións ou sobre as alternativas que existen no mercado.