Brión fai un chamamento a prol da igualdade na conmemoración do Día Internacional da Muller
A programación continúa este xoves cun obradoiro de autodefensa para maiores de 65 anos e o venres cun contacontos e a proxección de “A poeta analfabeta”, con Luz Fandiño
“Neste Día da Muller, acordámonos daquelas mulleres que loitaron, das que morreron, das que resistiron a opresión para deixarnos un futuro máis cheo de luz. Por elas, por nós e por todo o conxunto da sociedade, o Concello de Brión hoxe e sempre a prol da igualdade”. Con estas palabras, a concelleira de Igualdade e Muller, Rosa Romero, concluía a lectura do manifesto conmemorativo do 8 de Marzo, Día Internacional da Muller.
Un manifesto no que explicou aos presentes unha das teorías que xustifican que o morado sexa a cor do feminismo. A teoría traslada a historia ao New York de 1908, no que un lume nunha fábrica téxtil de Cotton acabou coa morte de 129 traballadores que se declararan en folga e morreron atrapadas. A historia di que a cor do fume que saía do incendio era morado debido a que as telas coas que se estaba traballando na fábrica tamén eran moradas.
Programación especial
A programación especial do Día da Muller continuará este xoves 10 de marzo, ás 18:30 horas, cando está programado un obradoiro de autodefensa para mulleres de máis de 65 anos con Cristy Tojo, campioa europea de parakarate. Inscricións en bea@briondixital.org ou no 981 55 99 10.
E o venres 11 de marzo, dobre actividade. Ás 17:30 horas, a sala municipal de exposicións acollerá o contacontos “A carteira de Augasclaras”, de Carmen Domech, dirixido a un público infantil de 4 a 11 anos. Inscricións en bibliotecadebrion@briondixital.org ou 981 50 99 69. E ás 20:30 horas, o centro social polivalente proxectará “A poeta analfabeta”, unha película documental que retrata a unha muller fascinante: Luz Fandiño. Poeta, activista, feminista, nacionalista e revolucionaria.
Aos seus 88 anos Luz, que estará presente no polivalente brionés, é testemuña viva das realidades mais duras do século XX, por ser muller, por ser emigrante, por ser pobre, por ser vermella. Luz é unha muller brava, unha persoa profundamente política e un ser con unha humanidade excepcional. Inscricións en bea@briondixital.org ou no 981 50 99 10.