Lío xudicial entre Concello e Banco Santander polo inmoble da antiga casa sindical
O executivo compostelá aprobou a interposición dunha demanda contra o Banco Santander, "en defensa da titularidade municipal do local da rúa República do Salvador, nº 12" e a súa inscrición no rexistro da propiedade. Segundo explicou o alcalde, a titularidade deste local, "en virtude dun convenio urbanístico", era do Concello, pero os promotores "fixeron unha hipoteca sobre o edificio, no que estaba incluido este local".
O rexedor sinala que ao ser un local de titularidade pública non pode ser hipotecable. "Polo que continuaremos coa defensa da titularidade municipal neste asunto". Sánchez Bugallo lembrou que hai diferentes sentenzas, pero unha delas, do ano 2014, outorga a titularidade do local ao Concello de Santiago.
Sánchez Bugallo explicou que o Concello asinou un convenio cunha empresa, que tiña unha hipoteca co Banco Popular, "que xa non existe". Ao mercalo o Banco Santander, é este quen queda coa hipóteca. "Entendemos que por lei un local público, de uso público, non pode ser hipotecado nin subastado". A entidade bancaria, o que fixo, indicou o alcalde, foi "sacar a subasta o local e adxudicarllo a unha entidade inversora vinculada a unha entidade financieira, que agora demanda tomar posesión do mesmo".
O rexedor recoñeceu que "houbo un erro importante por parte do Concello que foi non facer efectiva a posesión do local, no mesmo momento en que por parte do xulgado se nos outorga esa posesión, en 2014, e nos entregan as chaves". Non se ocupou ata máis tarde. "Iso non quita", engadiu, "que o local sexa de uso público e titularidade pública, e polo tanto, non hipotecable".
A demanda que se acordou interpoñer na Xunta de Goberno Local ten por obxecto as seguintes accións:
-A acción de nulidade do acto de distribución da carga hipotecaria e de cancelación da inscrición rexistral correspondente
-A acción declarativa de dominio do Concello de Santiago de Compostela sobre o local con solicitude de adopción de medida cautelar de suspensión da toma de posesión do local polo adxudicatario da subasta/remate e a prohibición de dispoñer ou gravar o local dado o seu carácter demanial.
-A acción de nulidade do procedemento de execución hipotecaria ao terse realizado sobre un ben extracomercium, inalienable e inembargable por ser demanial.
-A acción de cumprimento do aval fronte ao Banco de Santander S.A. para o aboamento da parte restante, que ascende a 245.095,46 euros.