Gran éxito de público do Concurso de Disfraces de Brión, que tivo lugar ao aire libre
O alcalde, Pablo Lago, celebrou a gran participación e estudará manter este formato en vindeiras edicións
O tempo, que por momentos deu algún sustiño en forma de orballo, finalmente acompañou ao Concurso de Disfraces de Entroido de Brión, que por vez primeira deixaba o acubillo do polideportivo de Pedrouzos para celebrarse ao aire libre na rúa Tarrío e no parque municipal de Brión. E, a xulgar pola gran participación, foi unha opción do agrado dos veciños e veciñas de Brión.
Tal é así que o alcalde, Pablo Lago, despois de agradecer o traballo levado a cabo polo persoal municipal na organización desta edición, apuntou que estudará manter este formato ao aire libre en vindeiras edicións. O xurado presidido pola concelleira de Cultura, Sandy Cebral Gómez, acordou conceder o gran premio da tarde a “Os gaitistas de Hamelín”, 300 euros que van para a Asociación Cultural Camiño Real de Poulo (Ordes). A comparsa finalista foi outro clásico destas festras: “O Circo de Laraño”, da Asociación Cultural RED Laraño “A Ruliña” (Santiago). En total, o Concello de Brión repartiu 2.550 euros en premios.