miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

CA denuncia que “moitos residentes están a recibir unha chuvia de sancións do multamóbil porque descoñecían que debían actualizar as súas tarxetas”

CA denuncia que “moitos residentes están a recibir unha chuvia de sancións do multamóbil porque descoñecían que debían actualizar as súas tarxetas”
CA denuncia que “moitos residentes están a recibir unha chuvia de sancións do multamóbil porque descoñecían que debían actualizar as súas tarxetas”


O concelleiro Xan Duro lamenta a falta de información por parte do Goberno e o atraso no envío das notificacións “que fixo que os afectados seguiran estacionando co convencemento de estar cumprindo as normas”

Compostela Aberta denunciou que “a mala praxe e a falta de información por parte do Goberno local está a provocar que moitas familias residentes estean a recibir nestes días unha auténtica chuvia de sancións impostas polo multamóbil”. O concelleiro Xan Duro explicou que “o noso grupo municipal ten constancia de moitos casos nos que estas multas responden a que os residentes descoñecían a necesidade de actualizaren as súas tarxetas, polo que estacionaban en zona verde co convencemento de cumprir as normas”. Tal e como sinalou o edil, “o atraso de tres meses no envío das notificacións desas sancións fixo que non fora ata agora cando as persoas afectadas se percataron da situación, tendo xa en moitos casos ducias de multas acumuladas”.

Segundo os datos facilitados polo propio Goberno, nos tres primeiros meses de funcionamento os multamóbiles teñen impostas unhas 4.000 sancións. O problema, apuntou Xan Duro, “é que as notificacións de todas esas multas están chegando xuntas nestes días, e moitas familias estánse percatando agora de que non tiñan correctamente regularizados os seus vehículos porque non actualizaran a tarxeta de residente en prazo”. Para o concelleiro de Compostela Aberta, “non se entende que o Concello non puxera en marcha unha campaña porta a porta ou de buzoneo nas zonas de residentes nas que operan os multamóbiles, para que a veciñanza estivera correctamente informada da situación e, no caso de ser preciso, puidera regularizar a súa situación no período no que os vehículos de control funcionaron en probas”. A falta de información e o atraso no envío das multas, apuntou o edil, “fixo que os residentes seguiran estacionando os seus vehículos, convencidos de que estaban actuando de xeito correcto porque en tres meses non recibiron ningunha notificación que lles fixera sospeitar o contrario, e é agora cando se atopan ata con vinte sancións xuntas en moitos casos”.

Xan Duro adiantou que Compostela Aberta pediralle ao Goberno que explique cantas multas se teñen tramitado a través dos multamóbiles nestes primeiros meses de funiconamento, cantas delas corresponden a vehículos de persoas non residentes, e cantas son de persoas residentes que tiñan sen actualizar as súas tarxetas. As multas por estacionar en zona verde sen autorización ascenden a 60 euros e, tal e como relatouo o edil, “coñecemos casos de familias que son residentes e que sí teñen tarxeta pero que non a actualizaron en prazo, e que recibiron nestes días multas por importes totais que superan os mil euros, e por iso cremos que o Concello debe facilitar que as súas alegacions sexan tidas en conta e darlles marxe para regularizaren a súa situación”. Duro incidiu en que “os multamóbiles non deben ser instrumentos recadatorios senón ferramentas para regular a mobilidade e facilitar o estacionamento das persoas residentes, que neste caso están a ser prexudicadas pola falta de información en tempo e forma por parte do Concello”

Comentarios
Lo más