miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Roberto Vidal Bolaño volve deixar os seus Rastros pola Rúa Nova de Santiago

Roberto Vidal Bolaño volve deixar os seus Rastros pola Rúa Nova de Santiago
Roberto Vidal Bolaño volve deixar os seus Rastros pola Rúa Nova de Santiago

Este xoves tivo lugar a presentación da xira de "Rastros" de Roberto Vidal Bolaño no Concello de Santiago, unha obra dirixida por Lois Blanco Araúxo e intepretada por Antea Rodríguez, Mateo Franco, Muriel Pernas e Pablo Carrera. A peza teatral estréase o venres 4 e sábado 5 de marzo, ambos ás 20.30h, no Teatro Principal de Santiago

Este xoves presentouse a xira de "Rastros" de Roberto Vidal Bolaño no Concello de Santiago. Os asistentes ao acto foron o Director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, o director da peza teatral, Lois Blanco Araúxo, o director do Auditorio de Galicia, Xaquín López e o Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez.


Durante a presentación desta mañá, Xaquín López destacou: "Roberto Vidal Bolaño volverá a percorrer a rúa. A rúa de Roberto é a rúa dos teatros, a rúa nova que dá cabida a novas xeracións". Dentro destas novas xeracións, formadas na Escola Superior de Arte Dramática están tanto os actores da peza como Antea Rodríguez, Muriel Pernas, Mateo Franco e Pablo Carrera, como o propio director Lois Blanco, quen indica: "A min motivoume un montón levalo a cabo porque a Roberto non hai só que visitalo, senón revisitalo. Roberto é un autor o cal non se atreveron a programalo, pola dureza do seu texto." É por iso que, dende sempre, Lois Blanco Araúxo, admirador da obra do compostelán, decidiu levar a cabo a adaptación teatral da súa obra "Rastros". Seguindo con esa xeración formada na ESAD, o propio director do CdG, Fran Núñez afirmou que: "como Centro Dramático Galego temos o deber de traer as nosas táboas, a obra de Roberto Vidal Bolaño".

Para finalizar o acto, Valentín García Gómez, Secretario Xeral de Política Lingüística, quen quixo destacar o 20 aniversario do pasamento do dramaturgo compostelán: "O motivo fundamental é remarcar o 20 aniversario do seu pasamento, da súa prematura falta. Roberto Vidal Bolaño fixo propostas arriscadas, de vangarda. Para un público novo nunha nova Galicia." Os asistentes desculparon a ausencia de representantes de Cultura da Deputación da Coruña e dos Concellos da Illa de Arousa e o Concello de Brión.

O vindeiro venres 4 e sábado 5 de marzo, ambos ás 20.30h no Teatro Principal de Santiago, terá lugar a estrea desta peza teatral. Trala estrea, darase paso a unha xira por toda Galicia. "Rastros" deixará a súa pegada en Vimianzo, Carballo, Cee, Narón, Ourense, O Barco de Valdeorras, Viveiro, A Estrada, Redondela e finalizará o venres 27 de maio no Teatro Rosalía da Coruña.

Rastros
Esther, a protagonista de "Rastros", é unha muller descaradamente libre. Seguramente anticipada aos tempos de hoxe. Acostuma a dicir o que pensa e facer o que sinte, sen prexuízos. Intentou evitalos pero sen éxito. É un dos personaxes femininos máis interesantes que produciu a dramaturxia galega, unha libertaria fin secular que tería topado o seu lugar nas manifestacións feministas de hoxe. "Rastros" pivota sobre a súa liberdade e, ao mesmo tempo, polas debilidades que a fan muller galega do seu tempo.

O elenco está formado por catro actores e actrices galegas formadas na Escola Superior de Arte Dramática de Vigo. Antea Rodríguez interpreta a Esther, a protagonista da historia – coñecida por actuar en series de TV como A Estiba ou Servir y proteger-. Esta ourensá encarna a unha muller cunha forza incontrolable que podería ser unha estrela do rock: tan intensa como fugaz. Esther está arrodeada de personaxes como Iago, un rapaz entregado ao galeguismo que pensa moito máis do que transmite con palabras – interpretado polo coruñés Muriel Pernas-. O espírito de loita de Iago é contrarrestado por Moncho, un home conformista e adaptado aos tempos, cun humor que resulta unha arma de dobre fío: tanto doce como acedo (o papel interprétao o vigués Pablo Carrera). O elenco complétao Mateo Franco interpretando o papel de Xan, un home que cambiou tanto a súa vida que o seu pasado parece un mundo diferente ao seu. Este coruñés xa traballara con Lois Blanco na súa ópera prima: o audiovisual "Fálame do silencio". Con Diego Valeiras como director do espazo escénico, Dani Juncal no deseño de iluminación e Javier Gey Fungueiriño no son complétase o equipo técnico e artístico desta obra teatral.

A primeira representación desta obra data do 19 de marzo de 1998 (hai case 25 anos). Gañadora de dous Premios María Casares e cun elenco formado por Patricia de Lorenzo (unha das artífices de Chévere Teatro), Luis Iglesia, Xoán Carlos Mejuto e Rubén Ruibal e música de Berrogüeto, a Casa da Cultura de Vilagarcía de Arousa albergou este acontecemento. Dúas ducias de anos despois, o telón de Rastros vólvese levantar no Teatro Principal de Santiago de Compostela.

Rastros é unha coprodución de Condetrespés e o Centro Dramático Galego que conta co apoio da Deputación da Coruña, a Rede de Dinamización Lingüística da Secretaría Xeral de Política Lingüística e coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela, o Concello de Illa de Arousa e o Concello de Brión. 
Comentarios
Lo más