Brión recupera este domingo o concurso e o baile de disfraces
As inscricións están abertas ata este venres 4 de marzo
O Concello de Brión recupera o seu tradicional Concurso de Disfraces de Entroido, que terá lugar este domingo 6 de marzo no parque de Lamiño. Despois dun ano no que o evento se celebrou a través das redes sociais, o Concello retoma o Entroido cunha serie de cambios sobre edicións anteriores.
O cambio máis importante é que tanto o concurso de disfraces como o baile posterior deixarán o pavillón municipal para ter lugar ao aire libre, máis concretamente no parque de Lamiño. As predicións meteorolóxicas son positivas, polo que o evento poderá celebrarse sen problema no exterior.
Así, o pavillón municipal pasará a converterse no punto de chegada das persoas disfrazadas, que a partir das 16:30 horas sairán en desfile ata o parque de Lamiño, percorrendo o paseo de Pedrouzos e a rúa Tarrío coa animación musical da charanga Os Celtas de Negreira. Rematado o pasacalles, dará comezo o tradicional concurso de disfraces, con ata seis categorías: infantil (ata 11 anos), xuvenil (de 12 a 17 anos) e adultos individual, parellas, grupos (mínimo de 3 persoas e máximo de 9) e comparsas (mínimo de 10 persoas). Finalizada a competición e mentres o xurado delibera terá lugar un baile de disfraces coa grupo Ritmo.
Concurso de disfraces
O prazo de inscrición no concurso de disfraces estará aberto ata o 4 de marzo na Casa da Cultura ou no mail casacultura@gmail.com. O tempo de representación para individuais e parellas será de 2 minutos como máximo. Os grupos terán un tempo de representación de 4 minutos e as comparsas poderán actuar un máximo de 5 minutos. Está prohibida a utilización de animais.
O Concello repartirá 2.550 euros en premios. No caso das categorías infantil e xuvenil individual haberá 5 premios en vales canxeables por libros, xogos ou material escolar (60, 50, 40, 30 e 20 euros), nas categorías de adultos e de parellas haberá tres premios de 100, 75 e 50 euros (adultos) e de 150, 125 e 100 euros (parellas). Finalmente, catro premios para grupos (200, 175, 150 e 125 euros) e comparsas (300, 250, 200 e 150 euros).