Hostalaría.gal acorda con Iberdrola unha rebaixa en electricidade e gas para os establecementos asociados
A directiva considera moi necesarios estes convenios ante a “gravísima crise á que está sometido o sector sen que as administracións aporten ningún tipo de solución”
Hostalaria.gal, a Asociación Empresarial da Restauración, Aloxamento e Turismo de Compostela e Comarcas, asinou un acordo de colaboración coa empresa enerxética Iberdrola que diminuirá a factura de electricidade e gas que pagan os establecementos que forman parte da asociación.
O presidente de Hostalaria.gal, Lois Lopes, e o xestor de vendas de Iberdrola Manuel Fernández Mariño firmaron un convenio polo que a compañía se compromete a realizar un 3% de desconto adicional exclusivo para asociados no termo de enerxía, a maiores da mellor oferta actualizada que teñan.
Os asociados tamén disporán de asesoría enerxética integral, gratuíta e específica, que inclúe a realización de estudos de optimización e aforro baseados en históricos de consumo, estudo de viabilidade e aforro de instalación de placas fotovoltaicas e orzamento de instalación de puntos de recarga de vehículos eléctricos.
Tamén se encargarán das novas altas e baixas de subministración de luz e gas, das subidas e baixadas de potencias e dos cambios de tarifa de acceso, así como da xestión de expedientes de enerxía (luz e gas) coa distribuidora. As consultas de facturación poderán realizarse a través de teléfono directo, WhatsApp ou correo electrónico e realizarán os cambios de titularidade de subministración ou pagamento, modificación de contas bancarias e fraccionamento de facturas (previa consulta á supervisión habendo xustificación).