Lidl reabre en Costa Vella tras investimento máis de 3 millóns de euros
Os traballos de modernización centráronse principalmente na ampliación nun 25% da súa sala de vendas (pasando de máis de 1.100 m2 a máis de 1.370 m2), a cobertura da metade do seu aparcadoiro e o impulso de diversas medidas de sostibilidade
Lidl reabrirá este xoves as súas instalacións do polígono de Costa Vella (Santiago de Compostela) logo de destinar máis de 3 millóns de euros a unhas obras de mellora que tiveron unha duración de tres meses e medio.
En concreto, a intervención centrouse en varios aspectos: a ampliación nun 25% da súa sala de vendas (pasa de máis de 1.100 m2 a máis de 1.370 m2 ) coa ocupación de terreos existentes na fachada traseira, a cobertura dun 50% das súas 110 prazas de aparcamento e a modernización da fachada principal.
A estas tres actuacións súmase, seguindo a liña habitual da compañía, un impulso claro da sostibilidade e o compromiso medioambiental, como se aprecia no equipamento sostible e nos máis de 1.000 m2 de paneis solares que se incorporan, así como no uso de iluminación LED e tamén na dotación de dous puntos de carga para vehículos eléctricos.
“Estamos a falar dunha modernización integral na que é, sen ningunha dúbida, a obra de reforma máis ambiciosa que desenvolvemos nos nosos puntos de venda da capital galega”, subliña o director rexional de Lidl en Galicia, Jaime Herrá, ao tempo que incide en que “o investimento que mobilizamos, comparable á que levaron a cabo outras firmas da contorna para as súas aperturas ou á que Lidl realiza noutros puntos para as súas novas instalacións, deixa patente que, na práctica, quen nos visitan atoparanse practicamente cun supermercado novo”.
Como é habitual na súa estratexia de apoio á creación e consolidación de emprego de proximidade, a cadea contratoulles estas obras a empresas galegas, como a construtora Plaintec ou a firma de enxeñería Cotecno. Ademais, a ampliación da superficie de venda permitiralle á marca contar cun cadro de persoal total de 30 persoas para estas instalacións da rúa Eslovenia, con cinco postos de nova creación.
Plans de futuro e impacto na Coruña
Por outra banda, Jaime Herrá destaca que Lidl continúa co seu “ambicioso” plan de expansión, de xeito que “logo de alcanzar hai unha semana na Estrada o fito das 35 tendas abertas, seguimos pensando en novos espazos para levar a nosa marca, como o polígono da Grela (A Coruña) ou en Cangas do Morrazo (Pontevedra), que serán as próximas aperturas este mesmo ano na comunidade”.
Nese senso, Herrá explica que a marca continúa na procura de soares e naves para abrir máis tendas, o que tamén pode incluír un terceiro establecemento en Santiago de Compostela (ademais do de Costa Vella, Lidl xa ten outro punto de venda na rúa Volta do Castro).
“O obxectivo non é outro que o de continuar afondando na nosa pegada na comunidade e, por suposto, tamén na provincia da Coruña”, sinala o responsable de Lidl para a comunidade, quen lembra que un informe independente de PwC avala un impacto total sobre o PIB da provincia de case 145 millóns de euros (un 0,63% do total da provincia) e de máis de 3.100 postos de traballo (entre os 452 que xera directamente e os 2.303 e 355 que reforza de modo indirecto e inducido, respectivamente). “Son estatísticas que nos animan a seguir impulsando o noso compromiso cunha provincia e unha comunidade na que cada día percibimos máis respaldo do noso equipo, provedores e clientes”, conclúe Herrá.