Os profesionais de ORL do CHUS reforzan a folga ante a demanda previa á querela presentada por Carlos Martín
CCOO-Sanidade considera «insólito» que un xefe de servizo queira amedrentar levando aos tribunais a maior parte do persoal que dirixe, algo «inédito» na sanidade pública «e en calquera outra empresa»
O persoal facultativo do servizo de Otorrinolaringoloxía (ORL) do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS) non se amedrentan coa querela presentada polo xefe de servizo, Carlos Santiago Martín Martín, e anuncian que redobran a folga, que pasará a ser de dous días á semana. A demanda, presentada no Xulgado de primeira instancia da capital galega, diríxese contra os dez médicos que denunciaron a situación do servizo e acúsaos de «celos profesionais incomprensibles» e esixindo unha indemnización económica de 10.000 euros.
A Federación de Sanidade de CCOO, que desde o comezo do conflito arroupa estes profesionais na súas reivindicacións, amosan a súa «incredulidade» por esta demanda e esíxenlle ao Sergas «que actúe dunha vez».
Para o sindicato, a inacción do Sergas é o que permite esta situación, cun xefe de servizo nas súas funcións que presenta unha querela contra a maioría do persoal facultativo fixo do seu departamento. «É unha situación inédita na sanidade galega e insólita en calquera empresa», abunda CCOO.
A Xunta apoia o xefe de servizo
O xefe de servizo de ORL foi recentemente nomeado membro do Comité Clínico de Cirurxía Robótica, creado o pasado mes de decembro e con competencias en toda Galicia. A designación fíxose a proposta do director xeral de Asistencia Sanitaria, «signo inequívoco do apoio do Sergas a esta persoa, en vez de poñerse do lado dos profesionais en folga».
Seguimento da folga
O seguimento da folga roldou este martes o 70 % e suspendéronse tres de cada catro consultas programadas (114 consultas de 152). Co de hoxe son xa doce días de paros desde o pasado mes de decembro.