jueves. 26.11.2026 |
El tiempo

O BNG esixe á Xunta a urxente mellora do transporte público na contorna de Santiago

O BNG esixe á Xunta a urxente mellora do transporte público na contorna de Santiago
O BNG esixe á Xunta a urxente mellora do transporte público na contorna de Santiago

Representantes nacionalistas nos concellos entregan no Parlamento máis de 1200 sinaturas para a mellora da comunicación que conecta os concellos da Baña, Negreira, Brión, Ames e Santiago

Representantes do BNG de concellos que se sitúan na liña de autobuses que comunica A Baña, Negreira, Brión e Ames con saída e regreso a Santiago xunto con cargos da comarca entregaron esta mañá no Parlamento as 1234 sinaturas de persoas usuarias recollidas co fin de esixir á Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade que poña fin ao deterioro e diminución do servizo na comarca.

No acto de entrega participaron a responsábel comarcal do BNG, Elvira Cienfuegos e a deputada Iria Carreira ademais de representantes municipais como o tenente alcalde de Ames, David Santomil; o concelleiro de Brión e deputado na Deputación da Coruña, Xosé Lois Penas, o responsábel local de Negreira, Xosé Ramón Blanco ademais doutros militantes e membros das direccións locais como José Antonio Gómez e Almudena Taboada que traballaron activamente na recollida de sinaturas

Con esta iniciativa, o BNG da comarca de Santiago faise eco da demanda das persoas usuarias do servizo que padeceron, de maneira acelerada nos últimos tempos despois do cambio na empresa concesionaria, unha diminución de liñas e empeoramento dos servizos que repercuten na poboación en xeral e, de maneira especial, nas persoas que acoden aos centros de traballo e tamén aos centros de ensino que se viron obrigadas a buscar, de maneira urxente, alternativas ao transporte público que viñan utilizando.

"Foron decisións tomadas sen previo aviso e sen contar coas persoas usuarias, ocasionando graves prexuízos a quen collía o autobús que conectaba A Baña, Negreira, Brión, Ames e Santiago. O BNG fíxose eco do malestar xeral e iniciou esta campaña de sinaturas que demostran a necesidade de tomar mans no asunto e esixir a mellora do transporte público na comarca", sinala a responsábel comarcal nacionalista, Elvira Cienfuegos que denuncia tamén a falta de intervención da Xunta de Galiza fronte á decisión unilateral por parte da empresa adxudicataria dunha licitación de interese público que, como demostra "prioriza só criterios economicistas por riba do servizo ás persoas que é o que tiña que presidir a xestión do transporte público".

Denuncian así a supresión de liñas, os cambios de horario sen información previa, o mal estado de conservación dos autobuses e a falta de atención ás persoas usuarias e demandan unha mellora da calidade do servizo con horarios acaídos ás necesidades da poboación, tanto traballadora como escolar. "Os servizos e, en concreto, o transporte público é básico para facilitar a vida no rural. Se a Xunta pon máis paus nas rodas que logo non veñan co discurso do abandono cando están convidando ás persoas a deixar as súas casas polas dificultades que supón vivir á marxe das cidades", apunta Elvira Cienfuegos.

A iniciativa do BNG súmase á queixa remitida polas ANPAS e equipos directivos do IES de Brión e o IES Xulián Magariños que denuncian o prexuízo nos cambios de horario que afectan a máis de medio cento de alumnas e alumnos aos que a chegada do autobús non se axusta agora co inicio das aulas escolares cando até este momento estaban utilizando o transporte público.

Ademais da entrega de sinaturas con destino á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, o BNG defenderá no Parlamento, a través da deputada Iria Carreira, distintas iniciativas encamiñadas a resolver os problemas e garantir uns servizos públicos de calidade para as persoas usuarias dos concellos da contorna de Compostela.

Comentarios
Lo más