Rois volve celebrar o entroido cun concurso de disfraces en liña e repartirá 1.200 euros en premios
As persoas que queiran participar deberán enviar un vídeo de menos de dous minutos
Un ano máis Rois volverá a celebrar o entroido en liña cun concurso de disfraces aberto á participación de toda a veciñanza e que terá como premios vales que se poderán canxear en establecementos locais. As persoas que queiran participar só terán que gravarse co seu disfraz e enviar o vídeo, que terá unha duración máxima de dous minutos, por correo electrónico. O prazo de inscrición péchase o venres 4 de marzo. A novidade da presente edición centrarase no desenvolvemento de Talleres Entroideiros para axudar as familias a elaborar os complementos dos seus disfraces.
Por segundo ano consecutivo, e por causa da covid, o Concello de Rois decidiu susbstituír o habitual desfile de entroido por un concurso de vídeos en liña co obxectivo de evitar os contaxios ao tempo que se mantén a tradición e ademais se promociona o comercio local agasallando vales para gastar en tendas, restaurantes e todo tipo de establecementos.
No concurso establécense tres modalidades: individual, parellas e grupo (formado por tres ou máis membros). Dentro de individual haberá cinco categorías en función da idade (persoas nadas antes do 2006, nadas entre o 2007 e o 2009, nadas entre o 2010 e o 2015, nadas entre o 2016 e o 2018 e nadas entre o 2019 e o 2020) e outras tres no caso das parellas (cando as idades dos dous participantes suman ata 20 anos, 30 ou 31 anos o u máis).
O importe total dos premios para os gañadores é de 1.200 euros. Cada unha das categorías de individual e parella optan a primeiro e segundo premio (de 40 e 30 euros, respectivamente, para os gañadores en solitario e de 60 e 40 euros para os dúos). Entre as comparsas repartiranse tres premios: un primeiro de 300 euros, un segundo de 200 euros e un terceiro de 100 euros.