Propoñen celebrar o 166 aniversario do Banquete de Conxo cun acto no que participe a sociedade civil
Marta Lois advirte que “o Carballo de Conxo non pode ser tratado como un recurso turístico máis”
Compostela Aberta reclamou a celebración dun acto que conmemore, o próximo 2 de marzo, o 166 aniversario do Banquete de Conxo, e no que participen a sociedade civil e todos os grupos municipais. A concelleira Marta Lois reivindicou a necesidade de “lembrar ese acontecemento histórico e o seu profundo sentido democratizador e progresista, poñendo o acento en que o valor que teñen o entorno natural e o carballo centenario que nestas semanas estamos a promocionar, van moito máis alá do ambiental e natural”.
Marta Lois lembrou “o marcado carácter político” do Banquete de Conxo, no que o 2 de marzo de 1856 participaron estudantes universitarios como Eduardo Pondal, Aurelio Aguirre, Luis Rodríguez Seoane ou Manuel Murguía, que convidaron a obreiros e artesáns a un xantar no que se lle deu lectura a tres brindes con proclamas que foron consideradas subversivas polo poder dominante da época. A portavoz de Compostela Aberta lembrou o contexto no que sucedeu o evento “nunha España cunha enorme conflitividade, e a só catro meses do golpe de Estado que lle puxo fin ao coñecido como Bienio Liberal”. Para a concelleira, “é necesario manter a memoria histórica e lembrar o significado do que aconteceu na carballeira de Conxo, e ese foi o obxectivo co que durante o pasado mandato se impulsou a Festa do Banquete, cunha participación moi activa da veciñanza”.
A portavoz de CA valorou positivamente que o Goberno “teña expresado a súa vontade de darlle continuidade á Festa do Banquete, que nos dous últimos anos non puido celebrarse por mor da pandemia da Covid-19”. Posto que a incertidume sobre a situación sanitaria desaconsella unha grande celebración similar ás dos anos 2018 e 2019, Marta Lois apostou porque o Concello organice “un acto doutras dimensións, no que tamén poida participar unha representación da sociedade civil, e que permita poñer en valor un dos episodios máis loables da historia de Santiago”.
Marta Lois incidiu en que “recordar o Banquete de Conxo é algo máis que poñer en valor un espazo natural singular, que tamén foi recuperado para a veciñanza durante o pasado mandato”. Nesa liña, a portavoz de CA recoñeceu a súa preocupación “polo xiro que está a dar a campaña para o recoñecemento do Carballo do Banquete de Conxo como Árbore Europea do Ano, porque cremos que se corre o risco de caer na tentación da turistificación desta proposta, e de tratar o carballo como un recurso máis do catálogo de atractivos turísticos de Santiago”. Fronte a iso, insistiu, “urxe manter viva a memoria histórica do que foi o Banquete de Conxo e do escenario no que este se celebrou”.