O PP traslada ao Pleno melloras de conservación e mantemento en Vite
As demandas da veciñanza arrástranse desde o pasado mandato e coinciden coas que reclamaba o grupo socialista en 2017
O grupo municipal Popular vai propoñer un acordo ante Pleno deste mes para que o Goberno asuma as demandas de conservación e mantemento que lle foron reiteradas por representantes da veciñanza nunha recente visita á zona. Segundo a concelleira María Castelao, “as melloras precisan pequenas intervencións, son de baixo custo e poderían ser satisfeitas de forma gradual”.
Para os populares, resulta sorprendente que estas cuestións se veñan arrastrando desde o pasado mandato e que coincidan practicamente na súa integridade coas reclamadas polo actual grupo de Goberno nunha moción aprobada por unanimidade en abril de 2017 para o seu arranxo. O texto daquela iniciativa socialista mantén plena vixencia na actualidade: “As melloras necesarias ás que fan referencia [a veciñanza] son demandadas desde hai tempo e derivan dunha falta de mantemento e xestión do goberno, como exemplo claro atopamos a praza de Lalo Hernández, a que historicamente estivo na Praza Roxa, que leva desde hai máis de tres anos sen funcionar. De feito, temos constancia de que hai un ano retirouse o motor e, ata o día de hoxe, nada se ten sabido ao respecto. Non moi lonxe desta praza, está o parque infantil cuxo mal estado é unha evidencia, debendo ter en conta que non foi obxecto de mellora algunha desde hai moitos anos. A isto debemos sumarlle a falta de poda en toda a zona, o que fai que esta zona sexa pouco segura para os máis pequenos (…). Tamén é motivo de queixa o mal estado das luminarias (…) e o mal estado das tapas de subministro que provocan inundacións en todo o ámbito. Así como o problema notable de mobilidade e accesibilidade entre bloques, a veciñanza leva anos reclamando sendeiros que eviten os interminables rodeos entre as diferentes rúas (…)”.
Malia a permanencia destas eivas denunciadas polo grupo socialista hai case cinco anos, ningunha delas se ten solucionado, a pesar da visita á zona realizada días atrás por unha concelleira do Goberno que foi informada disto por unha representación veciñal.
A maiores do formulado no seu día, a veciñanza engade agora tamén a necesidade de despexar de vexetación a fronte da farmacia, que favorece a aparición de ratas e serpes e que dificulta a visibilidade e a seguridade nesa zona; a deficiente iluminación nas beirarrúas e entradas dos edificios da Avenida de Castelao, posto que as luminarias unicamente dispoñen dun brazo orientado á calzada; a recuperación dos contedores subterráneos para a recollida do lixo e a dotación de dúas marquesiñas nun amplo tramo que carece delas (cuestións que deberían ser abordadas cos novos contratos de lixo e transporte); así como a posta en valor da zona destinada ao xogo da chave que leva tempo abandonada.