jueves. 26.11.2026 |
El tiempo

34 desempregados de Padrón buscan mellorar as súas opcións laborais cun novo programa integrado

34 desempregados de Padrón buscan mellorar as súas opcións laborais cun novo programa integrado
34 desempregados de Padrón buscan mellorar as súas opcións laborais cun novo programa integrado


Formaranse en hostelaría, metal ou téxtil, ademais de recibir orientación laboral e desenvolver habilidades sociais



Cen persoas desempregadas participarán ata novembro de 2022 na sétima edición do programa integrado de emprego dos concellos de Padrón, Rois e Dodro, aos que se une por vez primeira o de Rianxo. A impartición de contidos formativos en diversos campos, sesións de asesoramento laboral e prácticas en empresas serán algunhas das accións que desenvolverá o programa coa fin de mellorar a empregabilidade das persoas beneficiarias. Financiado pola Consellería de Emprego e Igualdade e o Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE), conta cun orzamento total de 250.000 euros.

O Auditorio Municipal de Padrón acolleu este mediodía o acto de presentación do séptimo Programa Integrado de Emprego, impulsado polos concellos de Padrón, Dodro e Rois, que este ano reparte tamén con Rianxo as cen prazas das que dispón (34 Padrón, 33 Rianxo, 24 Dodro e 9 Rois). As persoas beneficiarias, demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia, recibirán formación específica nos sectores agrario, hosteleiro, industrial alimentario, metal e téxtil, ademais doutra complementaria e transversal sobre informática, idiomas ou seguridade laboral.

Tamén, coa fin de aumentar a súa empregabilidade, asistirán a diversos obradoiros e sesións de asesoramento laboral nos que desenvolverán ferramentas de intelixencia emocional e habilidades sociais para aprender, por exemplo, a afrontar entrevistas. Así mesmo, contarán cunha rede de empresas colaboradoras nas que poderán realizar prácticas profesionais non laborais.

Co aval do éxito acadado en anteriores convocatorias, o obxectivo que se marca o programa é lograr como mínimo un 37 por cento de inserción laboral. Ao respecto, o alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, subliñou a relevancia que veñen tendo para a comarca do Sar os distintos obradoiros de emprego desenvolvidos ata o de agora. “A colaboración comarcal é unha ferramenta indispensable para a formación, o futuro e a empregabilidade. Nesta liña vimos traballando dende hai tempo e ano tras ano demóstrase que imos no bo camiño”, sinalou.

Antonio Fernández Angueira foi o encargado de pechar o acto de presentación, que contou tamén coas intervencións de Xabier Castro, alcalde de Dodro; Adolfo Muíños, rexidor de Rianxo; e Manuel dos Santos, tenente alcalde de Rois.

Comentarios
Lo más