A área sanitaria de Santiago diagnostica case 30 novos casos de oncoloxía pediátrica e realiza uns 10 transpalantes de médula en menores cada ano
O Hospital Clínico acolleu un acto de celebración do Día Internacional Cancro Infantil, organizado xunto a ASANOG (Asociación de axuda a nenos oncolóxicos de Galicia)
Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza súmase á conmemoración do Día internacional do cancro infantil e, xunto, á Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia (ASANOG) celebrou no patio central do Hospital Clínico de Santiago un evento lúdico reivindicativo que contou coa actuación da arpista Bleuenn Le Friec e coa lectura do manifesto a cargo Leire, irmá de Thiago, paciente oncohematolóxico.
No acto participaron a xerente da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza, Eloína Núñez Masid, a subdirectora de Calidade e Atención ao Doente, Beatriz Pais, o xefe do servizo de Pediatría, Federico Martinón xunto a varios representantes de ASANOG, José María Fernandez, presidente, Marcos Fernández e Susana Abelenda, ademais de traballadores, doentes e familiares convidados por ASANOG e o presidente en Santiago da Asociación Española contra o Cancro, Francisco Pais.
O CHUS diagnostica cada ano unha media de 30 novos casos de nenas e nenos con cancro. Aínda que se trata dunha patoloxía pouco frecuente, supón un gran impacto para as familias e é un importante problema de saúde. Por tipos de tumores, a leucemia aguda é o cancro infantil máis frecuente, seguido dos tumores do sistema nervioso central.
O cancro é a primeira causa de morte por enfermidade en nenos, pero a supervivencia aos 5 anos cada día é maior, sendo de forma global de preto do 80% (porcentaxe variable en función do tipo de cancro). Sen embargo, o crecente número de sobreviventes conforma unha poboación en risco de sufrir secuelas e problemas de saúde asociados aos que hai que facer un exhaustivo seguimento durante anos. Actualmente, o cancro infantil non ten prevención posible.
A xerente, Eloína Núñez, agradeceu e salientou o “papel fundamental das asociacións de doentes, coas que mantemos lazos constantes e fluídos”, e engadíu que “o labor que desenvolvedes é crucial, sodes as que mellor apoiades e entendedes aos doentes e ás súas familias e por tanto considérovos un axente colaborador fundamental para a xerencia na busca dunha mellor atención, máis próxima ás súas inquedanzas”.
Así mesmo agradeceu o labor dos profesionais sanitarios composteláns, que contan co máis completo arsenal terapéutico para o tratamento dos doentes, entre o que figura a participación en numerosos ensaios clínicos internacionais, a máis ampla entre os centros galegos.
Ademais, na área compostelá realízanse todos os transplantes de medula da poboación pediátrica de Galicia, cunha media de 10 cada ano ao ser centro de referencia para toda a Comunidade. Trátase dunha terapia empregada tanto para enfermidades oncolóxicas como para outro tipo de patoloxías (inmunodeficiencias, fallos medulares e enfermidades metabólicas).
Neste sentido, compre lembrar que Santiago albergará un Centro de Protonterapia que administrará a innovadora terapia de protóns para toda Galicia e será un dos primeiros na sanidade pública nacional. Trátase dunha nova forma de administrar radioterapia coa peculiaridade de que se basea nunha partícula- o protón-, distinta á que se usa na radioterapia convencional, que é principalmente o fotón. A diferencia radica en que os protóns irradian máis selectivamente a zona, preservando todos os tecidos sans, pois deposita a enerxía unicamente no tumor.
Supón un enorme impulso asistencial que abre novas oportunidades de tratamento a doentes con tumores “difíciles ou singulares” como os que se presentan na poboación pediátrica.