jueves. 26.11.2026 |
El tiempo

CA reclama a creación dunha oficina de atención ás vítimas dos supostos abusos en La Salle

CA reclama a creación dunha oficina de atención ás vítimas dos supostos abusos en La Salle
CA reclama a creación dunha oficina de atención ás vítimas dos supostos abusos en La Salle


Compostela Aberta levará ao Pleno unha moción de condena a estes feitos, acontecidos nos anos 80, e pídelle ao Goberno que se persone nas causas xudiciais abertas

A portavoz municipal de Compostela Aberta pediulle  ao Goberno local que “poña os servizos municipais ao dispor das persoas que veñen desvelando casos de abusos a menores acontecidos nos anos 80 no seo dun colexio de Santiago, e que se persone nos procedementos xudiciais que poidan abrirse a partir destas denuncias”. Marta Lois sinalou que “a administración municipal debe lanzar unha mensaxe clara á sociedade, porque o silencio non é admisible diante dos feitos que se veñen coñecendo nos últimos días”.

Nas últimas semanas, os medios de comunicación informaron das denuncias de supostos abusos a menores acontecidos nos anos 80 no colexio La Salle de Santiago, a través das testemuñas de exalumnos que se refiren a un profesor xa falecido, o irmán Berruguete. Marta Lois lembrou que estes casos coñécense nun momento no que están a producirse multitude de denuncias similares por abusos sexuais a menores e malos tratos en institucións vinculadas á Igrexa Católica de todo o mundo, “nun problema que ten acadado tal dimensión que mesmo o Papa Francisco e o seu antecesor o Papa Bieito XVI veñen de pedir perdón publicamente”. Tamén en Santiago, incidiu a concelleira, “o arcebispo Julián Barrio ten condenado estes abusos, e manifestado o seu apoio a unha colaboración entre as administracións públicas e a Igrexa Católica para investigar este tipo de abusos sexuais”.

Neste contexto, Compostela Aberta levará ao Pleno deste mes unha moción de condena de todos os abusos cometidos contra as crianzas e menores de idade, na que tamén insta ao Goberno local a poñer a disposición das vítimas, das familias e das institucións afectadas, os servizos sociais e a asesoría xurídica municipais, a través dunha oficina especial de atención un dunha iniciativa similar. CA tamén quere que o Concello estude a posibilidade de personarse nas causas xudiciais abertas en Santiago por este tipo de casos, e que inste ao Parlamento galego a impulsar unha comisión de investigación sobre os abusos cometidos en institucións galegas vinculados á Igrexa e á Xunta a establecer as medidas precisas para erradicar os malos tratos aos menores.

Marta Lois sinalou que o Concello “debe mostrar unha condena rotunda contra os feitos que se están a denunciar a través dos medios de comunicación, pero ten que ir máis alá, dando exemplo da implicación que deben ter as administracións públicas na defensa dos dereitos dos e das menores”. Para a concelleira, “é obrigado que a a administración municipal poña todos os seus medios ao servizo das vítimas e das súas familias, para conseguir a súa reparación e o recoñecemento da verdade”. Ademais, Lois considerou “imprescindible” que o Parlamento impulse unha comisión de investigación sobre os abusos cometidos en institucións galegas vinculadas á Igrexa e que a Xunta de Galicia, como administración competente no ámbito da Educación, implante medidas para erradicar os mallos tratos e abusos a menores.

Comentarios
Lo más