miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Santiago reúne aos principais expertos en fibrilación auricular

Santiago reúne aos principais expertos en fibrilación auricular
Santiago reúne aos principais expertos en fibrilación auricular

Preto do 3% da poboación padece FA e un de cada 10 pacientes está asintomático, polo que a súa identificación é un reto

O servizo de Cardioloxía da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza reúne, un ano máis, aos principais expertos internacionais no Simposio Santiago sen FA, os días 11 e 12 de febreiro. Todos os estudos de relevancia clínica publicados o pasado ano serán abordados na sétima edición deste Simposio en formato presencial e que contará con especialistas nacionais e internacionais de máximo nivel como, Ricardo Fontes-Carvalho, Javier Jiménez Candil e José Luis López Sendón aos que se unirán os especialistas en fibrilación auricular da nosa Comunidade Autónoma para tratar aspectos actuais clínicos e de investigación no ámbito da fibrilación auricular.

A inauguración estivo presidida pola xerente da área sanitaria compostelá Eloína Núñez xunto ao xefe do Servizo de Cardioloxía, José Ramón González Juanatey, e o cardiólogo organizador do encontro Javier García Seara.

Presentarase a actualización do “Proceso Asistencial da Atención aos pacientes con Fibrilación auricular” da área Sanitaria de Santiago e Barbanza e daranse a coñecer os cambios máis significativos no manexo destes pacientes desde o 2014, cando se aprobou  o anterior proceso.

A fibrilación auricular é a arritmia sostida máis frecuente e cada ano aumenta a súa prevaleza na poboación xeral. “A área sanitaria compostelá non é unha excepción e padécena en torno ao 3% da poboación e un de cada 10 pacientes está asintomático, polo cal constitúe un reto a súa identificación xa que o seu diagnóstico ten implicacións prognósticas e terapéuticas”, subliña Javier García Seara.

No ámbito cardiolóxico abordarán o emprego sistemático dos fármacos anticoagulantes de acción directa nos procedementos cardiolóxicos invasivos, así como nos pacientes que padecen unha síndrome coronaria aguda e requiren anticoagulación a longo prazo. Nestes días tamén se analizará o desenvolvemento exponencial da ablación con catéter coas novas recomendacións en pacientes con insuficiencia cardíaca, así como as novidades no tratamento do ictus por fibrilación auricular.

A coordinación entre diferentes especialidades (Cardioloxía, Neuroloxía, Hematoloxia, Medicina Interna, Atención Primaria, Urxencias Hospitalarias e Farmacia) xunto a Enfermería de Atención Primaria e Enfermería de Cardioloxía, “resulta fundamental –segundo destaca o doutor Seara- para o correcto funcionamento do Proceso coa utilización da e-consulta como elemento de valor indiscutible nos últimos anos e o liderado de Atención Primaria sobre a que se asenta o maior peso asistencial dos pacientes” .

Así mesmo, Seara conclúe que “os avances tecnolóxicos permitiron desenvolver tratamentos invasivos para a fibrilación auricular, como é o da ablación con catéter, que permite mellorar substancialmente a calidade de vida dos pacientes”. A Unidade de Electrofisioloxía do CHUS foi recoñecida co selo de Excelencia pola Sociedade Española de Cardioloxía.

Así mesmo, estes días expoñeranse os primeiros datos dun dos proxectos máis ambiciosos do CIBERCV (Centro de Investigación Biomédica en Rede Cardiovascular) caracterizado polo estudo dos mecanismos e marcadores en pacientes nos que coexiste fibrilación auricular e insuficiencia cardíaca, e que é liderado polo Servizo de Cardioloxía do CHUS.

Debaterase sobre a implementación das novas recomendacións das sociedades científicas respecto ao manexo dos pacientes con fibrilación auricular nas que destaca o enfoque holístico e estruturado como aspecto primordial.


Comentarios
Lo más