A EOI de Santiago porá en marcha varias iniciativas para celebrar o seu aniversario
06:30 10/02/22
06:30 10/02/22
O centro xa arrincou unha campaña en redes sociais e completará un cuadrimestre de celebracións cunha exposición emprazada no seu recinto en Vite e un acto conmemorativo
Este curso académico está a ser o viséximo na historia da Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela. O centro está a por en marcha unha serie de iniciativas que sirvan, entre outras cousas, para conmemorar esta efeméride, facer lembranza e balanzo destes 20 anos de existencia, cohesionar a comunidade de aprendizaxe e celebrar colectivamente o aniversario.
A primeira iniciativa, e que xa está en marcha, é unha campaña en redes sociais formada por series de efemérides, publicacións monográficas sobre os idiomas impartidos no centro e entrevistas en vídeo a varios dos protagonistas destes 20 anos de existencia.
A segunda será a colocación e inauguración dunha exposición no recinto da escola en Vite. Serán 20 paneis ilustrados que recollan os principais acontecementos da historia do centro a razón dun ano por panel. A súa inauguración está prevista para mediados do mes de febreiro e os paneis poderán ser consultados nas redes sociais da EOI.
Por último, o centro organizará un acto conmemorativo en data aínda por concretar. Nel haberá intervencións de alumnos, de persoal do centro e de autoridades, acompañadas de intervencións musicais e dun audiovisual onde se recollerá un breve resumo destes 20 anos. Preto de 5.000 alumnos por curso académico nos últimos anos
Aínda que as inclemencias da pandemia fixeron menguar as cifras de estudantes no presente ano lectivo (actualmente son 3.762 alumnos matriculados), nos últimos cursos o número de persoas aprendendo idiomas na EOI de Santiago achegábase a 5.000.
Son sete as linguas que se ensinan de xeito regular (galego, español para estranxeiros, portugués, inglés, francés, alemán e italiano) e o persoal do centro está composto por 60 docentes e 10 membros do persoal de administración e servizos.
Ademáis do centro situado no barrio compostelán de Vite, a EOI de Santiago ten cinco extensións, unha delas na mesma capital (no barrio de Sar) eo resto distribuídas por comarcas próximas ou achegadas á de Santiago. Esas seccións están en Negreira, Ordes, Noia e Ribeira.