Suspendidas tres de cada catro consultas na undécima xornada de folga no servizo de ORL do Hospital Clínico
CCOO denuncia que a Xunta continúa «ausente» no conflito, malia que o Parlamento aprobou a pasada semana unha proposición non de lei instando a atender as demandas do persoal
Este martes tivo lugar a undécima xornada de folga no servizo de Otorrinolaringoloxía (ORL) do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS). A Federación de Sanidade de CCOO de Galicia informa dun seguimento do 61 % e da suspensión de tres de cada catro consultas, concretamente 118 dun total de 162. Xa son máis de seiscentas desde que comezaron os paros.
O sindicato denuncia que a Xunta continúa «ausente» no conflito, malia que no Parlamento de Galicia se aprobou por unanimidade a pasada semana unha proposición non de lei instando o Goberno galego «a abordar de xeito inmediato o conflito existente no servizo de Otorrinolaringoloxía do CHUS atendendo ás demandas feitas polo persoal facultativo deste servizo».
Nin a Xunta atendeu o que lle esixe o poder lexislativo autonómico, nin os responsables da xestión sanitaria tomaron medidas ao respecto. De feito, segundo explica CCOO, «séguense tomando decisións arbitrarias que prexudican a maior parte do servizo».
Un exemplo disto último é a designación «a dedo» dunha única persoa para a formación no sistema de cirurxía robótica ‘Da Vinci’, cando outros hospitais galegos forman dous especialistas neste tipo de intervención. A Federación de Sanidade de CCOO lamenta esta decisión, «que repercute negativamente na competencia profesional dos membros do servizo e na atención sanitaria á poboación».