jueves. 26.11.2026 |
El tiempo

Últimos días para asistir ás visitas comentadas da exposición Memorias do Café Derby

Últimos días para asistir ás visitas comentadas da exposición Memorias do Café Derby
Últimos días para asistir ás visitas comentadas da exposición Memorias do Café Derby

As últimas visitas guiadas da mostra que percorre a traxectoria do emblemático café compostelán durante máis de 90 anos, terán lugar este venres ás 18:00 h e o domingo ás 12:00 h. As persoas interesadas deberán inscribirse previamente por correo electrónico.

A Casa do Cabido, na compostelá praza das Praterías, acolle desde finais de outubro a exposición "Memorias do Café Derby (1929-2020)", promovida polo Consorcio de Santiago. A mostra percorre a traxectoria do emblemático Café durante as máis de nove décadas que o converteron no máis lonxevo de Compostela. É a primeira exposición celebrada na cidade que traslada a memoria do patrimonio artístico e histórico dun café. Este domingo, 13 de febreiro, será o derradeiro día para poder visitala.


Ademais, esta semana continúase coas visitas comentadas á exposición que está a promover a concellería de Cidade Histórica e Acción Cultural do Concello de Santiago. Celebraranse o venres pola tarde (18:00 horas) e o domingo pola mañá (12:00 horas).

As visitas, que son gratuítas, son guiadas e comentadas polos comisarios da mostra, Ana Castro e Fernando Franjo. Cada unha ten unha duración duns 50 minutos, cun aforo máximo de 10 persoas por visita, seguindo a orde de inscrición. As persoas interesadas en participar nestes percorridos deben enviar un correo electrónico coa súa solicitude a visitasguiadas@consorciodesantiago.org, no que se indicará o número de persoas que desexan formar parte da visita. As peticións serán confirmadas a volta de correo e esta confirmación será imprescindible para facer efectiva a reserva.

Nestas visitas comentadas séguese a historia do Derby nunha secuencia cronolóxica, desde os seus antecedentes, a principios do século XX, ata o peche do Café en 2020. Ademais, é unha magnífica oportunidade para coñecer o seu patrimonio artístico e decorativo exclusivo, que chegou á actualidade e que os visitantes poderán admirar nunha recreación do Café que se exhibe na propia exposición.

Horarios da exposición

A exposición pode visitarse na Casa do Cabido de martes a sábado de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, e os domingos de 11:00 a 14:00 h. Os luns pecha ao público. 
Comentarios
Lo más