A Xunta de Goberno aproba a participación do Concello no Pos+2022
A Xunta de Goberno deu o visto bó á participación do Concello de Santiago no Plan Provincial de Cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan Único de concellos) Pos+2022 da Deputación Provincial da Coruña para o financiamento dos gastos sociais extraordinarios do exercicio 2022
En concreto, acordouse solicitar a achega provincial asignada aos gastos sociais por un importe de 125.043,94 euros, para o financiamento de dúas prestacións.
A primeira, cun importe de 100.000 euros, destinarase ao reforzo dos dispositivos e axudas económicas de atención a persoas sen fogar, en concreto ao SEMUS, o Servizo Municipal de Atención a Emerxencias Sociais, a través do establecemento dun convenio coa Cruz Vermella. O obxectivo é dar unha resposta a persoas en situación de vulnerabilidade e desprotección, contemplando a atención a persoas sen fogar, o que implica o reforzo da atención de rúa que se presta, cunha ampliación das rutas nocturnas que permitan acceder aos lugares da cidade onde se poidan detectar persoas sen teito.
A segunda, por un importe de 25.043,94 euros, estaría destinada á ampliación do servizo de axuda a domicilio en todas as súas modalidades, coa contratación de máis persoal.