jueves. 26.11.2026 |
El tiempo

O arte contemporánea volve en primavera aos escaparates do Ensanche

O arte contemporánea volve en primavera aos escaparates do Ensanche
O arte contemporánea volve en primavera aos escaparates do Ensanche

Santiago Centro abre a convocatoria de participación de comercios

Os  comercios  do  Ensanche  de  Compostela  volverán  lucir  esta  primavera  pinturas,  esculturas,  fotografías  e  intervencións  de  Pasearte,  Mostra  de  Arte  Contemporánea  nos  escaparates  do  Ensanche  de  Santiago,  que  comezará  o  día  1  de  abril.  O  Centro  Comercial  Aberto  do  Ensanche  recupera deste xeito unha das súas iniciativas máis atractivas, esta vez en primavera, integrando as  creacións  de  artistas  das  galerías  locais  Trinta,  Metro,  Luisa  Pita  e  Nordés  nas  vidreiras  dos  establecementos da zona nova.

Santiago Centro abriu xa a convocatoria para que os establecementos se sumen á iniciativa, que chega  en  2022 á  súa IV edición,  tras  suspenderse  nos  dous  últimos anos a  causa  da  pandemia.  Pasearte  converterase  de  novo  nun  atractivo  para  veciños  e  visitantes  durante  todo  o  mes  de  abril  cun  programa que xira arredor da exposición en escaparates de obras artísticas de distintas disciplinas:  pintura,  escultura,  fotografía  ou  vídeo  creacións.  Oito  destas  creacións  serán  especialmente  proxectadas  para a  ocasión e  ocuparán  de  forma integral  o escaparate,  combinando  o  traballo  do  artista coa identidade propia de cada comercio.

Ademais, o público poderá gozar de intervencións en vivo de diversos artistas nas vidreiras de dez  comercios;  e  de  obradoiros  para  familias  e  para  diferentes  colectivos  artísticos,  impartidos  por  profesionais destacados de diferentes disciplinas.

Entre  as  novidades  desta  edición  está  prevista  a  incorporación  dunha  iniciativa  dedicada  a  dar  visibilidade  aos  novos  artistas,  que  crearán  obras  en  vivo  sobre  dez  soportes  en  forma  de  cubo  distribuídos por puntos estratéxicos da contorna urbana do Ensanche.

Proxecto cooperativo

A mostra está  dirixida  por  Javier  Blanco  (Galería METRO),  comisario encargado  da integración  das  obras nos escaparates, uns traballos nos que colaborarán comercios e equipo técnico da organización,  garantíndose que tanto a obra como os produtos teñan o protagonismo e visibilidade que merecen.  Blanco coordinará asemade a colaboración doutras tres galerías de arte compostelás, Trinta, Nordés  e  Luisa  Pita,  que  participan  activamente  mediante  a  selección  de  obras  e  artistas  e  no  deseño  e  execución das actividades, convertendo Pasearte nun proxecto colaborativo único e xa consolidado  en Galicia.

Todos os comercios e obras participantes incluiranse nos materiais creados para a difusión do evento  (páxina web, plano de visita, redes sociais). Para participar, os comercios deben dirixirse ao enderezo  electrónico info@santiagocentro.gal.

Coa recuperación desta iniciativa, Santiago Centro continúa coa súa aposta pola arte como elemento  dinamizador  do  comercio  da  zona  nova  santiaguesa  e,  por  outra  banda,  quere  contribuír  ao  coñecemento  e  goce  das  novas  tendencias  da  arte  e  á  posta  en  valor  do  traballo  dos  creadores  contemporáneos,  en  novos  escenarios  que  contribúan  á  democratización  da  cultura.  Nestes  momentos segue sendo posible a visita ás obras integradas en Compostela Photo, unha exposición  urbana  que mostra a  obra  de  15  fotógrafos  de  primeira liña  noutros  tantos  portóns  de garaxe  do  Ensanche.

Comentarios
Lo más