jueves. 26.11.2026 |
El tiempo

Alejandro Caporale expón a serie fotográfica "Tarecos" no Centro Empresarial do Tambre

Alejandro Caporale expón a serie fotográfica "Tarecos" no Centro Empresarial do Tambre
Alejandro Caporale expón a serie fotográfica "Tarecos" no Centro Empresarial do Tambre

A mostra, organizada pola Asociación Área Empresarial do Tambre, poderá visitarse ata o 25 de febreiro

A Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET) acolle a exposición de fotografía “Tarecos” do artista galego, afincado en Santiago pero orixinario de Arxentina, Alejandro Caporale. A mostra estará aberta ao público na sala de exposicións do Centro Empresarial do Tambre de Santiago ata o 25 de febreiro, en horario de luns a venres de 9:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:30 horas.

“Tarecos” é unha serie fotográfica que pode entenderse como a enésima reconsideración da transcendencia do obxecto surrealista. Caporale explica que a diferencia estriba no propio paso do tempo, xa que se ben o emprego de obxectos na arte foi transgresor nos seus inicios, actualmente é algo habitual e comunmente aceptado. Servíndose desta premisa, o artista destaca que “Tarecos” poderíase definir como un xogo de ilusionismo no que, a través da combinación intuitiva de sinxelos obxectos e a capacidade de sublimación da cámara fotográfica, créanse novos obxectos que apelan á condición humana de quen os contempla, invitando á reflexión.

A mostra contará con aproximadamente 18 fotografías nas que se mostran eses tarecos, como desvela o artista “algúns gardados durante anos simplemente porque me parecían singulares, outros adquiridos en feiras ou atopados ao azar”. Ademais, Caporale sinala que estas creacións formulan a cuestión de se os obxectos inanimados o son realmente ou “se somos nós quen os dotamos de vida, quen vertemos neles a nosa propia esencia humana”.

O artista explica que nesta exposición a fotografía constitúe o espello que transforma o obxecto fotografado en metaobxecto, é dicir, “nun emanador de interpretantes subsumidos no obxecto real, pero que paradoxicamente non chegarían a materializarse por medio da única interacción con el mesmo”.

Alejandro Caporale naceu en 1972 en La Plata (Arxentina). O artista reside en España desde 1976 e considérase un galego máis, en concreto de Ourense onde viviu ata 2005, aínda que actualmente reside en Santiago de Compostela onde fundou EstudioSuab, espazo de creación onde compaxina a súa labor como director de arte freelance co desenvolvemento de proxectos artísticos multidisciplinares.

En 1990, Caporale obtivo unha beca da na Fundación Casa de Moneda en Madrid e diplómase na Escola de Grabado y Diseño, onde descubre a súa paixón pola fotografía. Traballou como fotógrafo para Carolina Herrera, Purificación García e para os arquitectos César Portela e Manolo Gallego. Desde 2010 dedícase a proxectos de fotografía, arte sonoro e videocreación. Ao longo da súa traxectoria orientou a súa creatividade cara distintas disciplinas como o gravado, deseño, pintura, instalación e a fotografía. Realizou numerosas exposicións individuais e colectivas e recibiu diversos premios e recoñecementos.


Comentarios
Lo más