O servizo de vixilancia da Asociación Área Empresarial do Tambre atendeu 720 incidencias en 2021
O 75% dos avisos foron por saltos de alarmas nas empresas, aínda que tamén se acudiu para revisar aperturas ou danos en portais ou ventás, avarías tipo fugas ou inundacións e o seguimento de persoas ou vehículos sospeitosos
O servizo de vixilancia da Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET) atendeu 720 incidencias ao longo de 2021 coa intervención dos vixilantes para detectar calquera anomalía que poida poñer en risco a seguridade e protección de persoas ou bens na área empresarial. O equipo de vixilancia, composto por oito vixilantes de seguridade, realiza un traballo de rondas presenciais polas vías públicas da área industrial durante todo o ano en horario de noite durante a semana laboral –de luns a venres– e en horario de 24 horas na fin de semana e días festivos.
O 75% das incidencias rexistradas o pasado ano, é dicir, un total de 538, son intervencións para atender saltos de alarmas nas instalacións das empresas. A presenza física do servizo de vixilancia na área empresarial garante unha resposta inmediata diante do aviso por parte da central ou da localización da alarma polos propios vixilantes. Durante 2021, comprobáronse por este motivo as instalacións de máis de 100 empresas asociadas.
Noutros casos o servizo intervén por anticipación. Os vixilantes detectan elementos do perímetro ou acceso das instalacións danados ou abertos, como son os portais, ventás, persianas, etc., antes de que se produza unha activación do sistema de alarma, actuando segundo o protocolo particular para solucionar cada incidencia. Un 14% das incidencias, un total de 100, corresponderon a intervencións deste tipo.
Por outra parte, o 7% das incidencias, un total de 50, foron intervencións por avarías ou accidentes, tanto na vía pública como en instalacións das empresas asociadas, por fugas, vertidos, inundacións, obstáculos na calzada ou asistencia en accidentes de tráfico. O persoal de seguridade dá aviso ao propietario e contacta coa Policía Local ou os Bombeiros en función da circunstancia e a urxencia e necesidade de actuación.
Por último, un 4% das incidencias rexistradas, cifradas en 32, corresponde a identificacións e seguimento de persoas ou vehículos que puideran estar relacionados presuntamente coa preparación ou comisión de actos delitivos. Son intervencións nas que se colabora co Corpo Nacional de Policía. Como exemplo, en xuño de 2021 os vixilantes interviñeron no Polígono de Costa Vella ao detectar a un individuo armado e con antecedentes que aparentemente se preparaba para entrar nas instalacións dunha empresa. Unha vez que os vixilantes detiveron ao infractor, o sospeitoso foi entregado á Policía Nacional.
99.980 quilómetros percorridos na vixilancia en vehículo
A misión principal do equipo de vixilancia da Asociación Área Empresarial do Tambre é protexer ás persoas e empresas do ámbito empresarial. Os vixilantes de seguridade contan coa titulación oficial, están en posesión da licenza de armas tipo C e complementan a súa formación cun curso de guía canino, outro de atención de emerxencias sanitarias e un curso de sistemas de alarmas, entre outros.
Ademais das prendas tácticas que forman parte da uniformidade, os vixilantes integraron este ano na súa vestimenta un chaleco anticorte. Tamén portan arma regulamentaria e un spray de defensa. As patrullas de vixilancia están apoiadas por unidades caninas –cinco cans de defensa–.
O patrullaxe alterna a vixilancia en vehículo coa vixilancia a pé, acompañado dun can para a inspección e control dos diferentes elementos da área. Cada vehículo percorreu unha media de 75 quilómetros de distancia por quenda de traballo, sumando en 2021 un total 99.980 quilómetros.