miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Unha investigación da USC sobre novas tácticas antitumorais que actúan sobre as células nai do cancro, recoñecida na convocatoria CaixaResearch Consolidate

Unha investigación da USC sobre novas tácticas antitumorais que actúan sobre as células nai do cancro, recoñecida na convocatoria CaixaResearch Consolidate
Unha investigación da USC sobre novas tácticas antitumorais que actúan sobre as células nai do cancro, recoñecida na convocatoria CaixaResearch Consolidate

A investigación liderada polo catedrático da USC José Luis Mascareñas é un dos catro proxectos de investigación biomédica seleccionados ao abeiro destas axudas que apoian iniciativas innovadoras e maduras que conten cun sólido plan de valorización

A identificación de novos compostos que alteran e comprometen a respiración mitocondrial nas células nai de cancro, levada a cabo polo grupo do catedrático José Luis Mascareñas no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS), é un dos catro proxectos de investigación biomédica que acaban de ser seleccionados ao abeiro da convocatoria CaixaResearch Consolidate 2021. O desenvolvemento destas novas tácticas que actúan sobre as células nai do cancro, diminúen o seu potencial para promover e rexenerar tumores. A nova axuda permitirá ao equipo realizar unha serie de estudos adicionais co obxectivo de validar a tecnoloxía en modelos preclínicos de diferentes tumores xerados polas células nai do cancro e facilitar, deste xeito, o seu acceso ao mercado.

Ademais de recibir un apoio económico de ata 300.000 euros, cada proxecto seleccionado contará coa axuda de mentores para definir os seus plans de desenvolvemento e comercialización de forma personalizada e acompañamento experto en materia de transferencia de tecnoloxía, ferramentas de financiamento ou negociacións. Esta convocatoria da Fundación ‘La Caixa’ apoia proxectos innovadores e maduros na área da saúde e que conten cun sólido plan de valorización.

Talón de Aquiles

As células nai de cancro son as principais responsables de iniciar o tumor, formar a metástase e resistir os tratamentos. Moitas quimioterapias utilizadas para combater o cancro non conseguen eliminar as devanditas células nai, en parte, debido á elevada plasticidade que presentan estas células, unha propiedade que aproveitan para adaptarse, resistir ao tratamento e continuar expandíndose. Agora ben, as células nai de cancro dependen da respiración mitocondrial para sobrevivir e evadir as defensas do sistema inmune, o que —a nivel metabólico— representa un talón de Aquiles.

O grupo do profesor Mascareñas traballa de maneira conxunta co equipo que dirixe Bruno Sainz no Instituto de Investigacións Biomédicas ‘Alberto Sols’ (IIBM CSIC- UAM) na identificación de novos compostos que comprometan a respiración mitocondrial. Os resultados obtidos ata o de agora en células nai de cancro pancreáticas e en modelos preclínicos de enxertos de tumores de pacientes, demostran unha potente actividade antitumoral, mentres que os estudos in vivo suxiren unha baixa toxicidade asociada a estes compostos de tipo metálico.

Neste senso, o grupo do profesor Sainz xerou importantes avances na área da bioloxía celular e, actualmente, está a explorar distintas maneiras de alterar os requisitos metabólicos das células nai de cancro. Pola súa banda, o grupo MetBioCat dirixido polo profesor Mascareñas é xa un referente polos seus desenvolvementos na área da química biolóxica, entre os que se atopa o deseño de complexos metálicos baseados en rutenio que son capaces de actuar de maneira selectiva sobre o ADN.

Comentarios
Lo más