miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Veciños de Bugallido, Ortoño e Bugallido celebraron o cabodano do P2 e rezaron pola súa resurrección

Veciños de Bugallido, Ortoño e Bugallido celebraron o cabodano do P2 e rezaron pola súa resurrección
Veciños de Bugallido, Ortoño e Bugallido celebraron o cabodano do P2 e rezaron pola súa resurrección

A veciñanza vestida completamente de negro reuniuse ás 17:30 na parada de Guimaráns, en Bugallido, para reivindicar a reposición da liña urbana que os conectaba con Compostela. A comitiva fúnebre estaba encabezada por un grupo de choradeiras que portaban unha fotografía do P2 e unha coroa de flores mentres se laian “botámoste de menos P2, volve pronto”. A ritmo de choca os veciños e veciñas das parroquias de Ortoño, Bugallido e Biduído continuaron en procesión ata o Campo da Festa onde tivo lugar un responso na honra do finado. A oración que pronunciou a veciñanza reclamaba “que volva o noso bus” e criticaba o abandono do rural ao deixalos sen servizo “que miran para o rural, mentireiros lles chamamos”


O P2 morreu o 23 de decembro de 2020. Os veciños de Bugallido, Ortoño e Biduído congregáronse no Campo da Festa de Bugallido para celebrar o cabodano do seu pasamento e rezar unha oración pola súa alma.

“Agora que de Madrid a Santiago se chega en dúas horas, a nós dende Bugallido, lévanos tres” comenzaba a homilía do cura párroco, figura que para a ocasión, exerceu o de sobra coñecido actor Federico Pérez, colaborando desta forma pola causa.

O responso encomiaba o traballo realizado polo P2 dende o seu nacemento en 1971 “Conmemoramos hoxe o primeiro cabodano da desaparición do bus Ortoño-Santiago/Santiago-Ortoño. Morreu novo, con tan só 50 anos pero cunha vida de prestación de servizos necesarios á comunidade e de memoria imborrable”. E proseguiu “Feneceu en plena pandemia pero non a consecuencia dela, alguén decidiu quitalo do medio e outros non o repuxeron por iso como pobo crente que somos esperamos a súa resurrección”.

A continuación os veciños e veciñas consternados pola perda do servizo rogaron “que volva o noso bus, é xusto e necesario; que volva axiña, é xusto e necesario”. O acto de loito, lembranza e reivindicación proseguiu loando ao finado ao enumerar como os usuarios e as usuarios o empregaban para ir ao colexio, ao instituto, á universidade, ao traballo, á praza ou ao cine e como dende hai un ano teñen que botar man dos coches particulares e dos favores dos/as veciños/as para ir a Santiago e entonaban “que miran para o rural, mentireiros lles chamamos”.

A homilía proseguiu coa veciñanza afectada orando “Bugallo ten piedade, Feijóo ten piedade; estamos realmente cabreados, devolvédenos o bus”. O responso rematou agradecendo a asistencia e a emoción de que pasado un ano se siga recordando o querido P2 e rezando a oración “O noso bus de cada día” que compuxeron para a ocasión e que di “noso bus que nos roubaron, moi lembrado é o teu nome, veñas xa ás nosas paradas, fágase a nosa vontade, máis pronto que tarde, noso bus de cada día”.

A celebración do cabodano do P2 ten por obxecto dar resposta ás necesidades de mobilidade dos veciños das parroquias afectadas pola supresión o pasado mes de decembro do servizo que os unía con Santiago de Compostela dende 1971. A parroquia de Ortoño con 11636 habitantes, a de Biduído con 15023 e a de Bugallido con 1607 son as máis poboadas do Concello de Ames. Con todo, nin a alta porcentaxe de afectados nin o tempo transcorrido, nin as medidas levadas a cabo foron suficientes para acadar a reposición do P2 ou para lograr unha alternativa que facilite a comunicación en transporte público para os veciños e veciñas das parroquias amesás.

Os veciños e veciñas de Ortoño, Bugallido e Biduído levan un ano esperando unha solución que non dá chegado. Primeiramente a veciñanza puxo todas as súas esperanzas nun convenio entre os Concellos de Ames e Santiago para resucitar o P2 pero a firma do mesmo nunca chegou. Despois confiou en que o desvío e a ampliación da liña que vai de Extramundi de Arriba a Santiago de Compostela substituíse ao finado pero esta non se materializou. Agora autorizan unha SIMU de sobra insuficiente. Así as cousas, á veciñanza só lle queda botar man da fé e orar pola resurrección do P2 co “noso bus de cada día”.

Comentarios
Lo más