Bugallo recoñece a "incertidume" sobre a programación de Nadal, que se mantén por ahora
Na rolda previa á celebración do Nadal, o alcalde de Santiago quixo facer un novo chamamento á responsabilidade individual ante o aumento de casos de covid: "desexo que todos os composteláns e compostelás desfruten destas datas pero tamén que todos procuremos actuar con prudencia".
O rexedor lembrou que non "podemos descargar a nosa responsabilidade nos efectivos policiais", que, non obstante, seguirán vixiando o cumprimento das medidas establecidas. Sobre a festa de fin de ano e a cabalgata, Sánchez Bugallo indicou que se agardará á semana que vén para tomar unha decisión definitiva.
Tamén fixo unha referencia ao último pleno deste ano, celebrado onte. Salientou o anuncio realizado durante o transcurso do mesmo polo concelleiro José Manuel Pichel de destinar nos vindeiros orzamentos un millón de euros para a mellora dos viais no rural. "A maiores do POS, no que o Concello achega o 40% e a Deputación, o 60%, e o incremento en 250.000 euros da partida para o mantemento de pistas", engadíu.
Sánchez Bugallo lembrou a intención do goberno de levar a pleno en xaneiro a aprobación dos orzamentos para o vindeiro ano, "absolutamente necesarios para abordar a saída da covid e a necesaria financiación propia vinculada aos fondos europeos".