A Asociación Área Empresarial do Tambre distingue a traxectoria de 20 empresas de longo percorrido asentadas no polígono industrial
Ana Tejeiro, xerente de Viaqua que inteviu en nome dos homenaxeados: “É un orgullo para todas e todos nós recibir este recoñecemento xa que pon de manifesto o compromiso das empresas con esta cidade tamén en tempos difíciles”
A Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET) rendeu homenaxe a vinte empresas situadas no polígono industrial que cumpriron vinte e cinco anos como asociadas en 2020 e 2021. As compañías distinguidas en 2020 foron once: Arteal, Autocares Mosquera Bazar de Villar, Coregal, Dielectro Industrial, Excavaciones Hermanos Otero, Hijos de Rivera, Maderas Vázquez, Montelnor, Recambios Balsa e Sisrecon.Mentres, as homenaxeadas en 2021 pola súa traxectoria profesional no polígono durante vinte e cinco anos suman nove compañías: Alquileres Reyca, Comercial Monte, Elidente, Ferlo, Inforhouse, J.B. Cao, Sondeos del Miño, Toldos Gómez e Viaqua.
A festa do asociado, que se celebrou no Centro Empresarial do Tambre, foi presentada polo vicepresidente da AAET, Manuel Nieto. O acto estivo presidido polo presidente da Asociación, José Fernández Alborés, e contou coa asistencia de diversas autoridades, como o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo; o director Xeral do Igape, Fernando Guldrís; e o deputado provincial da área de Promoción Económica da Deputación da Coruña, Blas García; ademais de diversos representantes da coorporación municipal e das vinte empresas distinguidas.
Na súa intervención, Alborés destacou a satisfacción de terse reunido nesta xuntanza a pesares da situación actual da pandemia, unha ledicia tras ter que suspenderse o evento o pasado ano. Aínda que cun matiz más formal, obrigados pola situación sanitaria, o presidente deu os seus parabéns ás compañías distinguidas. Nun evento que constitúe un especial recoñecemento á clase empresarial, Albores destacou o bo facer de empresarios e directivos “acostumados a librar mil batallas para sacar adiante unha sociedade mercantil”.
Ademais, o presidente compartiu cos asistentes o orgullo que supuxo para a Asociación poder presentar a semana pasada o proxecto construtivo do Centro de Servizos Innovadores do Polo Biotecnolóxico de Galicia, un espazo que pretende ser un conglomerado de empresas innovadoras de carácter industrial.
“É un proxecto motor para Galicia e Santiago que se logra desenvolver tras case seis anos de arduo labor e grazas á colaboración público-privada de diferentes institución e entidades: Xunta de Galicia, Concello de Santiago, Universidade de Santiago de Compostela (USC), Cámara de Comercio de Santiago e nós, Asociación Empresarial do Tambre” –lembrou–.
Tamén dentro das actividades da Asociación, Alborés analizou os datos da última edición do Plan de Emprego, financiado pola Xunta de Galicia con fondos finalistas transferidos polo Servizo Público de Emprego estatal. Nesta edición xa rematada de 2020/21, explicou que se xestionaron 113 contratos laborais entre 100 mozos e mozas menores de trinta anos e mulleres desempregadas e impartíronse 27 cursos presenciais e 160 accións formativas en liña.
“O Tambre somos todos e cada un. Pero o que nos fai fortes é estar unidos e compartir unha Asociación, que desde o seu nacemento brilla por lograr notables avances e melloras na prestación de servizos nos polígonos da nosa demarcación, así como manter o alento empresarial e industrial da nosa cidade. Naturalmente, sempre coa colaboración das Administracións Públicas” –sinalou–.
En nome das empresas homenaxeadas, a xerente de Viaqua, Ana Tejeiro, agradeceu a realizacion deste acto á Asociación. “É un orgullo para todas e todos nós recibir este recoñecemento xa que pon de manifesto o compromiso das empresas con esta cidade tamén en tempos difíciles” –apuntou–.
Ademais, Ana Tejeiro destacou tamén o esforzo e responsabilidade de todas e todos os traballadores de Viaqua, “sen eles, e o seu traballo diario, non sería posible que algo tan sinxelo como desfrutar de auga potable nas nosas vivendas e devolvela nas condicións adecuadas á natureza”.