Os órganos xudiciais resolven un 3 % máis de casos no terceiro trimestre respecto ao mesmo período de 2019
Xulgados e tribunais tiñan o 30 de setembro 159.800 procedementos en trámite, un 6,4 % menos que no mesmo período do ano anterior
Os xulgados e tribunais galegos resolveron no terceiro trimestre deste ano 67.478 asuntos (254,63 de media por órgano xudicial), un 3 % máis que no mesmo período de 2019, antes da pandemia, cando finalizaron 65.605 casos. O informe feito público hoxe pola Sección de Estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial reflicte o esforzo que se está realizando por parte de todo o persoal da Administración de Xustiza de Galicia para superar a incidencia que tiveron o confinamento e a suspensión da actividade xudicial non esencial como consecuencia da COVID-19, pois os órganos da comunidade tiñan o pasado 30 de setembro 159.800 asuntos en trámite, un 6,4 % menos que no mesmo período de 2020.
Durante o terceiro trimestre deste ano a entrada de asuntos nos xulgados e tribunais de Galicia experimentou un descenso en todas as xurisdicións. En total, os órganos xudiciais ingresaron 71.894 procedementos, un 6,4 % menos que no mesmo período de 2020. A taxa de litixiosidade, é dicir, o número de procedementos por cada mil habitantes, situouse na Comunidade Autónoma en 26,7, fronte aos 29,8 de media estatal.
Datos por xurisdicións
Na xurisdición civil, o número de casos ingresados en Galicia no terceiro trimestre do ano foi de 29.826, o que supón un descenso do 7,3 % respecto ao mesmo período do ano anterior. Nese tempo resolvéronse 28.305 asuntos, un 13 % menos que en 2020, e quedaron en trámite ao final de setembro 85.251, un 5,1 % menos.
Na xurisdición penal entraron 32.287 asuntos, 224,22 de media por órgano xudicial, o que supón un 4,9 % menos que no terceiro trimestre de 2020. O número de casos resoltos foi de 31.045, e o de asuntos en trámite ao final do período, de 38.394, un 11,1 % menos que o ano pasado.
Na xurisdición contencioso-administrativa ingresaron 1.976 casos entre os pasados 1 de xullo e 30 de setembro, o que supón un 11,8 % menos que no mesmo período do ano anterior. Resolvéronse 1.731 asuntos e quedaron en trámite 7.487 casos, practicamente os mesmos que en 2020.
Por último, a xurisdición social tamén experimentou un descenso na entrada de procedementos, xa que os 7.805 ingresados representan un 7,1 % menos que no terceiro trimestre de 2020. O número de asuntos resoltos nesta xurisdición foi de 6.397, un 1,8 % menos, e quedaron en trámite ao final do período 28.668, un 5 % menos.