As parroquias de Bugallido, Ortoño e Biduído únense para celebrar o cabodano do P2
Este xoves 23 de decembro cúmprese un ano da eliminación do autobús que unía as parroquias de Ortoño, Bugallido e Biduído con Santiago de Compostela.
A veciñanza afectada vaise concentrar ás 17:30 horas no cruce da Farmacia de Bugallido para celebrar o cabodano do finado. Dende alí partirán en procesión ata o Campo da festa de Bugallido onde terá lugar un responso. Os veciños e veciñas queren, deste xeito, reclamar a reposición da liña urbana ou unha alternativa que satisfaga á veciñanza afectada. O P2 ou autobús de Ortoño morreu o 23 de decembro de 2021.
Morreu novo, con só 50 anos. A morte chegoulle de repente, sen contar. Faleceu en plena pandemia pero non a causa dela. O finado unía ás parroquias de Ortoño, Bugallido e Biduído coa capital compostelá e coa súa morte os veciños e veciñas quedaron sen servizo. Por iso, un ano despois, a veciñanza das parroquias afectadas segue consternada polo pasamento do P2 e únese para celebrar o seu cabodano e rezar unha oración pola súa alma.
A veciñanza está convocada o xoves 23 de decembro ás 17:30 horas na parada de autobús situada na Farmacia de Bugallido. Dende alí ataviados completamente de negro, con candeas e portando a imaxe do finado cun crespón negro partirán en procesión cara o Campo da Festa. Alí o señor cura dará un responso na honra do finado e orará pola súa resurrección. A medida ten por obxecto dar resposta ás necesidades de mobilidade dos veciños das tres parroquias afectadas pola supresión o pasado mes de decembro do servizo de bus urbano que os unía con Santiago de Compostela dende 1971.
A parroquia de Ortoño con 11.636 habitantes, a de Biduído con 15.023 e a de Bugallido con 1.607 son as máis poboadas do Concello de Ames. Con todo, nin a alta porcentaxe de afectados nin o tempo transcorrido nin as medidas levadas a cabo foron suficientes para acadar a reposición do P2 ou unha alternativa que facilite a comunicación en transporte público para os veciños e veciñas das parroquias amesás. Os veciños e veciñas de Ortoño, Bugallido e Biduído levan un ano esperando unha solución que non dá chegado. Primeiramente a veciñanza puxo todas as súas esperanzas nun convenio entre os Concellos de Ames e Santiago para resucitar ao P2 pero a firma do mesmo nunca chegou.
Despois confiou en que o desvío e a ampliación da liña que vai de Extramundi de Arriba a Santiago de Compostela substituíse ao finado pero esta non se materializou. Agora autorízannos unha SIMU de sobra insuficiente. Así as cousas, só nos queda botar man da nosa fé e orar pola resurrección do P2