A Asociación Área Empresarial do Tambre distingue a traxectoria de vinte empresas asociadas durante os últimos 25 anos
Celebrará un acto conxunto de homenaxe ao asociado de 2020 e 2021 este martes 21, ás 20:00 horas no salón de actos do Centro Empresarial do Tambre
A Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET) homenaxeará a vinte empresas que cumpriron vinte e cinco anos na Asociación do polígono industrial en 2020 e 2021. Trátase dun acto conxunto dos dous últimos anos, ante a imposibilidade que se presentou o pasado ano para facer un acto social por mor da pandemia. As compañías distinguidas en 2020 foron once: Arteal, Autocares Mosquera Bazar de Villar, Coregal, Dielectro Industrial, Excavaciones Hermanos Otero, Hijos de Rivera, Maderas Vázquez, Montelnor, Recambios Balsa e Sisrecon. Mentres, as homenaxeadas en 2021 pola súa traxectoria profesional no polígono durante vinte e cinco anos suman nove compañías: Alquileres Reyca, Viaqua, Comercial Monte, Elidente, Ferlo, Inforhouse, J.B. Cao, Sondeos del Miño e Toldos Gómez.
A entidade celebrará o acto de homenaxe o vindeiro martes, 21 de decembro, no salón de actos da súa sede do Centro Empresarial do Tambre (Vía Edison, 1), a partir das 20:00 horas. O evento será presentado por Manuel Nieto, vicepresidente da Asociación, que fará entrega aos homenaxeados dun diploma acreditativo e un pequeno agasallo. O acto estará presidido polo presidente de AAET, José Fernández Alborés, e contará coa asistencia de diversas autoridades, como o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, ademais de representantes das vinte empresas distinguidas.
A Asociación distingue a capacidade de traballo que, ao menos, durante vinte e cinco anos veñen realizando estas empresas desde as súas naves no Polígono do Tambre. O presidente, José Fernández Alborés, explica que a Asociación organiza este evento para enxalzar as particularidades e o bo facer de cada empresa, pero sempre destacando os “ingredientes comúns e imprescindibles” para o éxito empresarial que comparten todas as compañías, como son a ilusión, o esforzo e a colaboración. “As empresas mostran ao longo da súa traxectoria a ilusión por construír, por ver nacer e medrar o seu proxecto e consolidalo ou mesmo transmitilo a unha nova xeración, unha evolución alcanzada grazas a un gran esforzo na procura da competitividade, o mantemento da confianza dos clientes e un afán por innovar e reinventarse ano tras ano” –explica Alborés–.
Garantiranse todas as medidas necesarias e especiais de hixiene, protección, aforo e acceso á sala, polo que se deberá manter a distancia de seguridade e usar sempre máscara.