O CHUS estrea un avanzado acelerador liineal portátil para aplicar radioterapia intraoperatoria
O aparato, cun custo de máis de 1.400.000 euros, é o primeiro destas características co que conta a sanidade pública galega e dos poucos do sistema sanitario español
Os quirófanos do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela empregaron hxee por primeira vez o avanzado acelerador liñal portátil que permite aplicar radioterapia durante a extirpación do tumor sen mover ao paciente da mesa do quirófano no que está sendo intervido. Nesta ocasión administróuselle a unha paciente cun tumor na mama.
Na intervención participaron facultativos das especialidades de Cirurxía Xeral, Oncoloxía Radioterápica, Anestesioloxía, Radiofísica, persoal de enfermaría de quirófanos e técnicos de radioterapia.
Trátase dun equipo móbil cun custo de máis de 1.400.000 euros, deseñado especificamente para aplicar dose de radiación terapéutica de alta precisión durante o acto cirúrxico, cunhas dimensións axustadas para poder trasladalo con facilidade entre diferentes salas de cirurxía.
A adquisición deste aparato, o primeiro co que conta a sanidade pública galega e un dos poucos que existen no sistema sanitario español, permite aumentar a seguridade dos procedementos combinados de radioterapia e cirurxía que ata agora requiría mover ao paciente dende a mesa do quirófano ata un acelerador liñal convencional para irradiar as zonas de campo cirúrxico que o precisase. Amais proporciona maior efectividade e rapidez ao procedemento.
Radioterapia intraoperatoria (RIO)
A radioterapia intraoperatoria (RIO) é unha técnica que ten por obxecto administrar unha dose de irradiación única, elevada e de máxima exactitude durante a cirurxía tumoral, que se aplica sobre campo cirúrxico unha vez extirpado o tumor, para eliminar residuos microscópicos.
A RIO está indicada especialmente no tratamento de tumores malignos fundamentalmente nalgúns cancros de recto, mama e sarcomas.
O Hospital Clínico Universitario de Santiago realiza dende hai anos a técnica de radioterapia intraoperatoria con acelerador convencional dentro do búnquer de radioterapia, sendo dos poucos centros do sistema nacional de saúde que o realiza, e o único de Galicia.
Con esta técnica, a área sanitaria compostelá segue a mellorar na asistencia aos pacientes oncolóxicos, neste caso no tratamento con radioterapia.
Día da Oncoloxía Radioterápica
O domingo 19 de decembro celébrase o Día da Oncoloxía Radioterápica. Nesa data, no ano 1899 foi cando se documentou a primeira curación con radioterapia.