Estas serán as condicións para pasar de curso en ESO
Xa hay un borrador da orden que regulará a avaliación en Galicia este mesmo curso
A eliminación dos exames en convocatoria extraordinaria fai necesario o deseño dun novo sistema de avaliación. A Xunta xa ten o borrador de como será e cales serán os requisitos en tódolos niveis educativos para promocionar de curso.
No caso da ESO serán os seguintes:
1. Ao finalizar cada un dos cursos da etapa, e como consecuencia do proceso de avaliación, o equipo docente da alumna ou do alumno, na sesión de avaliación final, decidirá sobre a promoción do alumnado. A decisión será adoptada de forma colexiada, atendendo á consecución dos obxectivos, ao grao de adquisición das competencias establecidas e á valoración das medidas que favorezan o progreso da alumna ou do alumno, e tendo en conta os criterios de promoción.
2. Aos efectos do disposto no punto anterior, promocionará dun curso a outro aquel alumnado que superase as materias ou ámbitos cursados ou teña avaliación negativa nunha ou dúas materias, considerándose para o cómputo as materias non superadas do propio curso e as de cursos anteriores. Ademais de nos casos anteriores, o equipo docente poderá decidir a promoción dunha alumna ou dun alumno, sempre que se cumpran ademais todas as condicións seguintes:
a) Que a media aritmética das cualificacións obtidas en todas as materias nas que estea matriculado nese ano académico sexa igual ou superior a cinco.
b) Que o equipo docente considere que a natureza das materias non superadas lle permiten seguir con éxito o curso seguinte.
c) Que o equipo docente estime que ten expectativas favorables de recuperación. d) Que o equipo docente estime que dita promoción beneficiará a súa evolución académica.
3. O alumnado que promocione de curso con materias sen superar deberá seguir un plan de reforzo en cada unha desas materias, destinado á súa recuperación e á súa superación.
4. Para a elaboración e seguimento do plan de reforzo, ao que se refire o punto anterior, seguirase o establecido no artigo 51 da Orde do 8 de setembro de 2021, pola que se desenvolve o Decreto 229/2011, do 7 de decembro, polo que se regula a atención á diversidade do alumnado dos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia nos que se imparten as ensinanzas establecidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.
5. O alumnado que non promocione permanecerá un ano máis no mesmo curso. A permanencia no mesmo curso considerarase unha medida de carácter excepcional e tomarase tras esgotar as medidas ordinarias de reforzo e apoio para superar as dificultades de aprendizaxe da alumna ou do alumno. En todo caso, a permanencia no mesmo curso planificarase de maneira que as condicións curriculares se adapten ás necesidades do alumnado e estean orientadas á superación das dificultades detectadas, así como ao avance e profundización nas aprendizaxes xa adquiridas. Estas condicións recolleranse nun plan específico personalizado con cantas medidas se consideren adecuadas para este alumnado.
6. Para a elaboración e seguimento do plan específico personalizado, ao que se refire o punto anterior, seguirase o establecido no artigo 52 da Orde do 8 de setembro de 2021, pola que se desenvolve o Decreto 229/2011, do 7 de decembro, polo que se regula a atención á diversidade do alumnado dos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia nos que se imparten as ensinanzas establecidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.
7. En todo caso, a alumna ou o alumno poderá permanecer no mesmo curso unha soa vez e dúas veces como máximo ao longo do ensino obrigatorio. De forma excepcional poderase permanecer un ano máis no cuarto curso, aínda que se esgotara o máximo de permanencia, sempre que o equipo docente considere que esta medida favorece a adquisición das competencias establecidas para a etapa. Neste caso poderase prolongar un ano o límite de idade ao que se refire o artigo 4.2 da Lei Orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación