Urxen a Bugallo a adoptar medidas para impedir o paso de camión cara a canteira de Miramontes
O concelleiro Xan Duro explica que unha sentenza do Tribunal Supremo confirma a legalidade da resolución adoptada no pasado mandato polo Goberno de CA
O concelleiro de Compostela Aberta Xan Duro urxiu ao Goberno local a adoptar medidas para impedir o paso de camións de gran tonelaxe pola pista de acceso á canteira de Miramontes, despois de que unha sentenza do Tribunal Supremo avalase a legalidade da resolución adoptada nese sentido no pasado mandato polo Goberno de CA. O edil insistiu en que “con esta última sentenza, contra a que xa non cabe recuso, non hai máis desculpas para que o Concello non actúe, como lle vén reclamando a veciñanza da parroquia da Grixoa”.
Despois dun proceso que se xudicializou durante tres anos e medio, o Tribunal Supremo emitiu o pasado 25 de novembro unha sentenza que avala a legalidade da resolución asinada en abril de 2018 polo propio Xan Duro, na que se entendía que as empresas que xestionan na actualidade a canteira de Miramontes non contan con autorización para a circulación de vehículos de gran tonelaxe pola pista rural que dá acceso ás instalacións. Esas firmas, a UTE EYREGA e Tecnosolos Galaicos, presentaron sucesivos recursos, primeiro no propio Concello e posteriormente diante da xustiza, que foron sucesivamente rexeitados nas diferentes instancias xudiciais. Coa sentenza do Tribunal Supremo, que responde ao recurso contra un fallo anterior do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, tal e como explica o concelleiro de Compostela Aberta “xa non hai ningún motivo para que non se adopten medidas firmes para impedir o paso deses camións de gran tonelaxe”.
Xan Duro instou ao Goberno, e en particular ao concelleiro de Tráfico, “a actuar para garantir que se cumpra esa sentenza, porque tal e como denuncia a veciñanza, a día de hoxe continúa o tránsito dos vehículos pesados pola pista rural”. O concelleiro de Compostela Aberta lembrou que “xa no pasado mes de xuño, despois da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, pedimos unha actuación contundente, e Gonzalo Muíños escusouse en que a sentenza non era firme e en que a competencia era da Xefatura Provincial de Tráfico”. Agora, insistiu, “urxe actuar, porque estamos a falar dun vertedoiro que xera importantes problemas de salubridade na parroquia da Grixoa”.