O Arquivo da Deputación descobre a historia da Igrexa das Angustias de Santiago
A través desta achega a Deputación continúa visibilizando o traballo de dixitalización do Arquivo, de importante valor como parte do patrimonio cultural galego
Nunha nova entrega do ‘Documento do mes’, o Arquivo da Deputación da Coruña desvela un Breve Pontificio do Hospital Real de Santiago do ano 1756 sobre a Igrexa das Angustias. O motivo de que este texto se atope no arquivo provincial débese a que este antigo hospital foi beneficencia da Deputación.
No documento recóllese a historia da Igrexa das Angustias, no cemiterio do Hospital Real. O camposanto formaba parte dos dominios da fundación hospitalaria real desde o ano 1508. Dez metros máis abaixo da terraza do Hospital construíuse inicialmente unha pequena capela dedicada á Vera Cruz. A súa imaxe da Virxe das Angustias, que tiña fama de milagreira, converteusena favorita das esmolas dos fieis, chegando ata o punto de propiciar a creación dun novo templo.
No texto recollido no arquivo provincial, o Papa Benedicto XIV confirma as orixes desta igrexa e concede a facultade de bendicila. No reverso do documento, o Capelán Maior do Hospital Real facultado para bendicir, confirma a execución do mandato papal. Haberá que agardar ata o ano 1920 para que o pleno da Deputación acorde a cesión da capela das Angustias de Abaixo solicitada polo Cardeal Arcebispo da Diócese.
A través desta nova entrega do ‘Documento do mes’, o ente provincial continúa visibilizando o traballo de dixitalización do Arquivo
Ligazón ao ‘Documento do mes’ de decembro do Arquivo da Deputación da Coruña:
https://arquivo.dacoruna.gal/