CCOO destaca o seguimento maioritario da folga no servizo de Otorrinolaringoloxía do CHUS
O sindicato insta a xerenta da área sanitaria de Santiago-Barbanza a «solucionar dunha vez» un problema do que é coñecedora desde hai medio ano
A Federación de Sanidade de CCOO destaca o seguimento maioritario da folga por parte do persoal facultativo fixo do servizo de Otorrinolaringoloxía (ORL) do Hospital Clínico de Santiago de Compostela (CHUS), que cifra nun 65 % e levou á suspensión de case setenta consultas.
O sindicato insta a xerenta da área sanitaria de Santiago-Barbanza, Eloína Núñez Masid, a «solucionar dunha vez» un problema do que é coñecedora desde hai medio ano. En caso contrario, o persoal ten previstas máis xornadas de folga, en concreto os días 10, 13, 21 e 29 de decembro.
A Xerencia, cómplice
CCOO afirma que existe un conflito polo tratamento persoal e profesional entre o xefe de servizo e a maioría dos facultativos, que foi aumentando en número de traballadores e traballadoras afectadas, así como na intensidade «das faltas de respecto, humillacións e menosprezos».
Para CCOO, a actitude da Xerencia é de «complicidade» dos graves feitos denunciados, xa que os coñece desde hai meses e ten a competencia para dar unha solución. Polo momento, a resposta é «lavar as mans» e derivarlle á Inspección a posible solución.
Caos organizativo
Asemade, a organización imposta polo xefe do servizo está a provocar un «caos organizativo», con cargas de traballo moi desiguais para os distintos profesionais, tanto no que respecta ás axendas —algunhas teñen un ou tres doentes, pero hai outras con vinte— como ás intervencións cirúrxicas.
A consecuencia de non manter a equidade nas intervencións cirúrxicas pode ser unha «perda de competencia para os profesionais afectados, o que pode traducirse nunha afectación da calidade da asistencia que se lle presta aos doentes», advirte CCOO.