A Área Sanitaria de Santiago destaca que o Centro de Protonterapia no CHUS dará "un enorme impulso asistencial"
É unha nova forma de administrar radioterapia pero baseada nunha partícula (protón) diferente á que se usa (principalmente fotón) e que permite irradiar máis selectivamente a zona preservando todos os tecidos sans
A Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza albergará un Centro de Protonterapia que administrará a innovadora terapia de protóns para toda Galicia e será un dos primeiros na sanidade pública nacional. Trátase dunha nova forma de administrar radioterapia coa peculiaridade de que se basea nunha partícula- o protón-, distinta á que se usa na radioterapia convencional, que é principalmente o fotón. A diferencia radica en que os protóns irradian máis selectivamente a zona, preservando todos os tecidos sans, pois deposita a enerxía unicamente no tumor.
Supón un enorme impulso asistencial que abre novas oportunidades de tratamento a doentes con tumores “difíciles ou singulares” como os que se presentan na poboación pediátrica.
Ademáis do importante avance asistencial trátase dunha extraordinaria plataforma para a investigación en física e bioloxía da radiación.
Co financiamento da Fundación Amancio Ortega vanse adquirir dez equipos de protonterapia en España e un deles é o que se va instalar no CHUS, no entorno do Clínico. Estímase que as obras comecen a mediados do 2022 e que, de ser así, os pacientes poidan tratarse no 2024. Pola súa banda, do custe do edificio, do persoal e do mantemento encargarase a Xunta de Galicia. Serán uns 20 profesionais que formarán o cadro de persoal do centro onde traballarán oncólogos radioterapeúticos , radiofísicos, enxeñeiros, persoal de enfermería e técnicos de radioterapia. Con respecto ás especialidades implicadas nas indicacións son oncoloxía médica, cirurxía, traumatoloxía, pediatría, neurocirurxía, oftalmoloxía e anestesia.
A proximidade a un hospital referente en múltiples patoloxías neoplásicas e que dispón de todas as especialidades que están claramente implicadas nas principais indicacións da protonterapia, así como a existencia dun entorno académico e de investigación e desenvolvemento con gran impulso en investigación básica e traslacional, que redunda nun beneficio directo para os pacientes, son os principais motivos polos que a área sanitaria compostelá acolla para toda Galicia o novo centro de protonterapia.