miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Mercado de Nadal, autocine e verbena ca París de Noia, principais atractivos do Nadal en Compostela

Mercado de Nadal, autocine e verbena ca París de Noia, principais atractivos do Nadal en Compostela
Mercado de Nadal, autocine e verbena ca París de Noia, principais atractivos do Nadal en Compostela

O concelleiro de Festas, Gonzalo Muíños, deu conta das actividades máis relevantes do Nadal de 2021, no que, cun ollo posto na evolución da pandemia, recupera a festa de Fin de Ano e a Cabalgata de Reis.

Mercado de Nadal

O venres 3 arranca o xa tradicional Mercado de Carreira do Conde ás 12.00 h. Durante as cinco quendas, composteláns e visitantes terán a posibilidade de coñecer as creacións de 76 expositores de decoración propia da época, alimentación gourmet e artesanía (xoias, madeira, cerámica, vidro, coiro, xoguetes, téxtil, regalo orixinal, deseño...).


As tres primeiras quendas (venres 3 a xoves 9, venres 10 a xoves 16 e máis venres 17 a xoves 23) estarán dedicadas en exclusiva á decoración de Nadal e á alimentación gourmet selecta, co obxectivo de facilitar ao público a preparación da casa e dos menús para estas datas.

Nas dúas quendas finais (domingo 26 a xoves 30 e venres 31 a mércores 5), que se celebran en Carreira do Conde e en Área Central, expoñeranse produtos de artesanía e regalo orixinal.

O Mercado contará con decoración coidada e ambientación musical, e desenvolverase baixo as medidas de seguridade contra a Covid-19 precisas. Os expositores contarán con xel hidroalcólico, produtos hixienizantes e todas as medidas de manipulación de elementos precisas para evitar contaxios, e vixiarase a distancia de seguridade nos momentos de maior afluencia.

O Mercado de Nadal leva aparellada unha completa programación musical. As actividades estarán dirixidas á infancia, ás familias e ao público en xeral. A programación iniciarase o domingo 5 de decembro co artista Pulpiño Viascón. O mércores 8 actuarán Os Tiruleiros. O sábado 11 poderá desfrutarse do espectáculo de Cé Orquestra. O sábado seguinte, día 18, animará o Mercado o espectáculo de O Cego na Feira e o domingo 19 o grupo Vamosindo. Fará o propio, o sábado 26, o Trío Par e, finalmente, para o día 30 está programada a actuación de Troula Animación. Todas estas actividades desenvolveranse a partir das 19.00 h.

Autocine
Este Nadal tamén volve o autocine. Do 26 ao 30 de decembro poderemos vivir,un ano máis, a experiencia de gozar no interior do teu auto unha coidada selección de filmes para público familiar e adulto.

A entrada é gratuíta, previa reserva de entradas na web autocine.gal, dende o 21 de decembro de 2021.

Programación autocine Nadal 2021:

Público familiar: Los Croods 2, O Xinete do Dragón, Trolls 2, Padre no hay más que uno 2, Pinocchio.

Público adulto: Cando o mundo acabe, seguireite amando; Doentes; O noso último verán en Escocia; El Camino; e Un amor por descubir.

Mercado da Estrela
De novo, durante a fin de semana do 16 ao 19 de decembro, contaremos con outra cita xa habitual no Nadal compostelán, o Mercado da Estrela, un evento cultural multidisciplinario, que este ano chega ao seu décimo aniversario, no que as persoas creadoras de Galicia exhiben e venden o froito do seu talento para que as súas pezas se convertan en orixinais e innovadores agasallos con selo #talentogalego. Mercado que se completa cun atractivo programa de concertos en catro espazos de destacado valor histórico e patrimonial de Santiago de Compostela: Claustro procesional de San Martiño Pinario (Praza da Inmaculada); Hospedaría de San Martiño Pinario (Praza da Inmaculada); Antigo Consistorio (Praza de Cervantes) e Pista cuberta nos xardíns do Centro Don Bosco.

Apego
O sábado 11, no Auditorio de Galicia, terá lugar unha das citas máis especiais do ano para as familias de Compostela. A xa tradicional Festa do Apego convértese desta volta en Festival, cun elenco de artistas recoñecidos polo público miúdo que conformarán un espectáculo inédito que amosa a riqueza das creacións en lingua galega para as crianzas.

O espectáculo, que é de balde e cunha duración aproximada dunha hora (desde as 17.30 h), requirirá de retirada de entrada na semana previa en compostelacultura.gal para a asistencia presencial, mais tamén poderá seguirse ao vivo nas canles de Youtube do Concello e do Departamento de Lingua Galega ou nalgúns espectáculos mediante inscrición a través do formulario dispoñible na páxina web do Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago delingua.santiagodecompostela.gal

Carrusel
Os pequechos e pequechas da casa tamén poderán desfrutar do Carrusel de cabaliños de 10 metros de diámetro que este ano estará ubicado na praza da Constitución. Estará pechado ao público os días 25 de decembro e 1 de xaneiro.

Ademais…
O Nadal sobre rodas: un precioso autobús inglés de dous pisos de Nadal sobre rodas percorrerá as diferentes rúas e prazas da cidade con divertidos obradoiros de cociña e actuacións musicais de balde para animar as xornadas de compras de Santiago de Compostela.

UNHA RÚA DE CONTO: O QUEBRANOCES EN ALFREDO BRAÑAS!: O Quebranoces aterra en Alfredo Brañas durante estas festas para ambientar e embelecer a rúa e facer soñar aos paseantes a través de entrañables sorpresas relacionadas coa lendaria composición.
Non faltarán o espectacular Belén de San Fiz de Solovio e unha carreira de San Silvestre tamén adaptada ás actuais circunstancias.

Centro socioculturais
Teremos tamén unha morea de obradoiros para todas as idades nos centros socioculturais, espectáculos e proxeccións en familia. Estas datas son especiais para as pequenas comunidades de veciñanza e barrios que forman a cidade e nos CSCs haberá un amplo abano de actividades de balde para facer máis inesquecibles estas festas.

Fin de Ano
Tamén este ano haberá festas de Fin de Ano amenizada pola Orquestra París de Noia, que actuará na praza do Obradoiro a partir das 22.30 horas. Segundo indicou o concelleiro, en función da evolución da pandemia e das instrucións ditadas pola autoridade sanitaria se permitirá un determinado aforo. O que si concretou é que non será preciso reservar.


Comentarios
Lo más