Comezou a administración da terceira dose na Cidade da Cultura para maiores de 70
Está previsto vacinar a 3.400 cidadáns ao día no Gaiás e a 750 no Hospital da Barbanza
Ás 9 da mañá comezaba a vacinación da terceira dose contra a COVID-19 na Cidade da Cultura á persoas de entre 70 e 79 anos, na mesma sala onde xa se administraran máis de 480.000 entre primeiras e segunda doses.
A poboación desta franxa de idade na área sanitaria é de 46.600 persoas das que 6.000 pertencen ao distrito da Barbanza.
Dende hoxe e ata o 30 de novembro está previsto que cada día acudan 3.400 cidadáns de entre 70 e 79 anos ao Gaiás e 750 ao hospital da Barbanza. O horario de vacinación é de 9.00 a 14.30 e de 15.30 a 21.00 en ambos puntos de vacinación. A citación realízase por SMS, salvo determinados colectivos, como é o caso dos mariñeiros, que poden acudir sen cita.
Con respecto aos recursos humanos, en cada quenda (son dúas por día) disponse de 13 postos de administración de vacinas, 5 de carga, 1 de coordinador de sala, 1 coordinador de carga, 2 TCAES, 1 informático e 1 efectivo de seguridade.
Tanto a xerente da área sanitaria de Santiago e Barbanza, Eloína Núñez, como a directora de enfermaría e coordinadora da vacinacións na área , Victoria Carral, fixeron fincapé na importancia da administración da terceira dose. “Confiamos que a porcentaxe sexa alta, é imprescindible que a poboación estea debidamente vacinada para así evitar o incremento de casos que estamos tendo, pois xa se demostrou que a vacina diminúe os casos activos e o número de pacientes ingresados en planta a nas UCIs”, indicou a xerente.
Datos de vacinación na área compostelá
O número de vacinas administradas na área sanitaria ata o 18 de novembro é de 776.700 e as persoas con pauta completa son 384.980, mentres que 35.087 xa teñen administrada a 3ª dose..